A Xunta colabora coa Universidade de Castela-A Mancha na análise do impacto no solo do incendio rexistrado na provincia de Albacete

Investigadores do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural, desprazáronse ata o lugar de Liétor para avaliar a severidade do lume e o seu impacto no solo e no incremento do risco de erosión

Dende o ano 2018, o CIF de Lourizán participa nun proxecto europeo con diferentes institucións españolas, portuguesas e francesas e colabora mostrando como usar unha metodoloxía de acción urxente para a mitigación do risco de erosión tras os incendios forestais

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2021

Un grupo de investigadores do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural, desprazouse estes días para colaborar coa Universidade de Castela-A Mancha na avaliación da severidade do lume rexistrado a finais de xullo en Liétor, provincia de Albacete, e o seu impacto no solo e no incremento do risco de erosión.
Dende o ano 2018, o CIF de Lourizán participa no proxecto europeo EPYRIS (SOE2/P5/E0811) con diferentes institucións españolas, portuguesas e francesas e colabora mostrando como usar unha metodoloxía de acción urxente para a mitigación do risco de erosión tras os incendios forestais. Neste marco xurdiu esta colaboración nos traballos do incendio de Liétor, que afectou unhas 2.000 hectáreas a finais do mes de xullo. Así, os investigadores de Lourizán mostraron o seu sistema de traballo en campo e seguirán colaborando coa Universidade de Castela-A Mancha na adaptación ao sueste español da escala de severidade do lume no solo que se emprega en Galicia.
Neste senso, cabe sinalar que os lumes forestais crean unha paisaxe heteroxénea no que o nivel de afección é moi variable e, por tanto, tamén os seus impactos. Para avaliar o dano do lume sobre a cuberta vexetal empréganse, normalmente, os índices espectrais a partir de satélite, que son moi útiles pero non proporcionan información fiable sobre o solo. Tendo en conta que este estrato é precisamente o que pode causar problemas de enterramentos ou contaminación nos cursos de auga, as investigacións do CIF de Lourizán centráronse nestes últimos anos en desenvolver un sistema práctico e áxil de avaliación da severidade do lume no solo que reflexe os cambios producidos por este e que, ademais, ten unha correlación moi estreita coas perdas do solo.
Precisamente, este sistema de avaliación é o que se está empregando con éxito en Galicia dende o ano 2013 para a selección das áreas de intervención urxente tras os lumes, co fin de evitar as perdas de solo por erosión. Esta metodoloxía de traballo non existe noutras comunidades autónomas ou noutros países próximos coa esta mesma problemática, de aí que a Universidade de Castela-A Mancha solicitase colaboración desta entidade galega.
O grupo de investigación sobre lumes forestais do Centro de Investigación Forestal de Lourizán ten unha longa experiencia sobre a análise do impacto dos lumes forestais nos solos e os seus danos colaterais como o risco de erosión. Esta experiencia está avalada pola súa participación en diferentes proxectos nacionais e internacionais e pola publicación de numerosos artigos en revistas especializadas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural