A Xunta recibe un total de 44 ofertas para a redacción dos proxectos de 5 actuacións para reducir o risco de inundacións en Padrón e Valga, que suporán un investimento de 305.000 euros

Trátase de redactar os proxectos para minimizar o risco de asolagamento nestes municipios, previstos no Plan de xestión específico para a área dos ríos Ulla e Sar

Os contratos para Padrón inclúen un canal de protección no rego Avelenda en Iria Flavia, a mellora de drenaxe neste rego ou actuacións no cruce coa AC-301

O contrato relativo a Valga permitirá definir as actuacións de mellora do espazo fluvial do río Valga, entre a liña de ferrocarril e a rúa Devesa

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2021

A Xunta recibe un total de 44 ofertas para a redacción dos proxectos para impulsar cinco novas actuacións para reducir o risco de asolagamento na área fluvial dos ríos Ulla e Sar, ao seu paso polos concellos de Padrón e de Valga, que suporán un investimento de máis de 305.000 euros.

Estas intervencións están enmarcadas no Plan de xestión específico para esta área fluvial, declarada de risco potencial significativo de inundación.

Dos cinco lotes, ao que presentaron as súas ofertas 12 empresas diferentes, catro contratos correspóndense con actuacións a desenvolver en Padrón, que se veñen sumar ao contrato xa adxudicado recentemente por Augas de Galicia nesta área fluvial, para a redacción do proxecto construtivo de protección da marxe dereita do río Ulla de cara a minimizar o risco de asolagamento ao seu paso polo concello.

Os contratos de Padrón centraranse na redacción dos proxectos construtivos para dotar de canal de protección contra inundacións ao rego Avelenda ao seu paso por Iria Flavia; na mellora do espazo fluvial e de drenaxe do rego deste rego; na mellora do espazo fluvial e de drenaxe do río Sar no cruce coa estrada AC-301; e na mellora do espazo fluvial e de drenaxe do rego Tarrío no cruce co ferrocarril.

No contrato relativo a Valga, o obxecto é definir as actuacións de mellora do espazo fluvial do río Valga, entre a liña de ferrocarril e a rúa Devesa.

Cómpre lembrar que Augas de Galicia ten xa adxudicados o proxecto de mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña de ferrocarril, e o de actuacións de protección da marxe dereita do río Valga.

Plan de xestión de áreas de risco de inundación



Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Desde o 1 de maio e ata o vindeiro 30 de xullo está aberto á participación pública o novo Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027, que se agarda aprobar a finais de ano.

En paralelo, Augas de Galicia está a desenvolver os plans específicos de xestión en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Anllóns, en Carballo; Campeda, en Vimianzo; Bahíña e o Groba, en Baiona; Lagares, en Vigo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; e o río Ulla-Sar en Valga e Padrón, así como en Dodro, Rianxo, Rois, Catoira e Pontecesures.

Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e Concellos, para minimizar o risco de enchentes.

A Xunta segue impulsando a colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.