A conselleira do Mar visitou o novo edificio de seguridade e servizos desde o que se supervisa a actividade e a seguridade dos portos interior e exterior da cidade herculina

Rosa Quintana enxalza o compromiso da autoridade portuaria da Coruña coa innovación e a seguridade laboral

A titular de Mar destacou a inversión de 2 millóns de euros realizada polo organismo portuario da cidade herculina no novo edificio de seguridade e servizos que inclúe unha sala de pantallas desde a que se comproba a actividade portuaria

Subliñou que esta liña de inversión complementa á de 22 millóns de euros anuais cos que a Xunta blinda o Servizo de Gardacostas de Galicia para avanzar na seguridade da actividade marítima e na loita contra o furtivismo e contra a contaminación mariña

A Coruña, 26 de agosto de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou hoxe o novo edificio de seguridade e servizos portuarios da Autoridade Portuaria da Coruña, onde foron recibidos polo presidente da entidade, Martín Fernández Prado. Alí a titular de Mar destacou a aposta da Autoridade Portuaria coruñesa pola innovación e a mellora das condicións de traballo dos profesionais. Un compromiso, engadiu, que se reflicte na nova infraestrutura desde a que se supervisa a actividade e a seguridade tanto do porto interior coma do exterior.

Para realizar estas funcións o edificio, que está situado no peirao de San Diego e que completou o seu equipamento este verán, conta con 1.200 m2 de superficie útil e distribúese en baixo e primeira planta. Ademais inclúe equipamento tecnolóxico como unha nova sala de pantallas desde a que se comproba a actividade portuaria e aglutina a oficina de explotación, os centros de coordinación de servizos e emerxencias e os servizos de policía portuaria, taller, conservación e sinais marítimos. Tamén acolle o centro de procesamento de datos.

Isto é posible, sinalou a titular de Mar, grazas á inversión de máis de 2 millóns de euros que realizou a Autoridade Portuaria da Coruña para mellorar as condicións de traballo dos profesionais do porto. Neste sentido, felicitou a esta entidade por dar un paso máis para facer do peirao da cidade herculina un porto máis eficiente e eficaz e por seguir a senda da modernización e inversión en infraestruturas e seguridade portuaria que marcan conceptos como o de portos intelixentes (smart ports) ou portos 4.0.

A conselleira do Mar subliñou ademais que esta inversión complementa e concorda cos esforzos da Xunta na aplicación da tecnoloxía á seguridade da actividade marítima. Nesta liña, lembrou a inversión de 22 millóns de euros anuais no Servizo de Gardacostas de Galicia, que convirte á comunidade autónoma galega na única de España en contar cun servizo propio destas características e que pon os seus medios a disposición de Salvamento Marítimo do Estado.

Dentro desta aposta polos recursos e materiais deste servizo, o Executivo galego sumou este ano ao equipamento de Gardacostas oito drons, catro deles submariños e outros catro aéreos. Estes medios, explicou Rosa Quintana, únense ao plan de renovación parcial da frota que o Goberno autonómico está a desenvolver no Servizo de Gardacostas de Galicia e que leva acumulado máis de 12 millóns de euros de inversión.

Esta renovación materialízase nas catro patrulleiras lixeiras coas que conta o servizo e que son a Punta Falcoeiro, Punta Promontoiro, Punta da Guía e a Punta Seixo Branco. A isto súmase o recente contrato para o subministro de dúas patrulleiras máis e o proceso de construción dunha nova embarcación de gran porte que substituirá á Paio Gómez Chariño. O obxectivo, expuxo a conselleira, é mellorar a operatividade do servizo, avanzar na loita contra o furtivismo e contra a contaminación mariña e optimizar as operacións de rescate e salvamento.

Pola súa banda, o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, destacou a importancia de mellorar as condicións de control e seguridade no recinto portuario, toda vez que ao porto da Coruña acceden un millón de vehículos ao ano. De todos eles, unha cuarta parte son camións, tal como reflicten as estatísticas sumando os controis de accesos situados no peirao de San Diego, na dársena de Oza e no Porto Exterior.

Imaxes relacionadas