O conselleiro do Medio Rural visitou hoxe o monte veciñal de San Breixo, en Guitiriz, beneficiario das axudas do Goberno galego para a creación de superficies forestais

A Xunta investirá preto de 5 M€ na plantación de coníferas e frondosas en máis de 2.500 hectáreas da nosa comunidade deica o final do ano que vén

José González destacou que o número de beneficiarios da convocatoria deste ano para a creación de superficies forestais ascendeu a 173

Deles, 53 proceden da provincia lucense, onde se prevén 523 hectáreas de novas plantacións de piñeiros, carballos, castiñeiros ou nogueiras grazas á concesión dun total de 935.000 euros en achegas

No caso do monte guitiricense de San Breixo, plantáronse arredor de 14.000 piñeiros do país nunha superficie de 13,73 ha, cunha subvención superior aos 18.000 euros

Con estas axudas, reafírmase o compromiso da Xunta pola ampliación e diversificación da superficie forestal arborada, contemplado no Plan Forestal 2021-2040

Guitiriz (Lugo), 26 de agosto de 2021

A Xunta investirá preto de 5 millóns de euros na plantación de coníferas e frondosas en máis de 2.500 hectáreas da nosa comunidade deica o final do vindeiro ano 2022. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, que visitou hoxe o monte veciñal de San Breixo, en Guitiriz, beneficiario dunha axuda para a creación de superficies forestais. Alí estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.
Na visita, o conselleiro sinalou que o Goberno galego concedeu as achegas convocadas este ano -cuxa resolución se vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG)- a todos os solicitantes que cumprían cos requisitos establecidos. Deste xeito, un total de 173 beneficiarios verán financiadas as súas plantacións con especies como piñeiros, carballos, castiñeiros e nogueiras nun total de 2.527 hectáreas, entre este ano e o que vén.
No caso da provincia de Lugo, aglutina 53 expedientes favorables para a creación de 523 ha de novas superficies forestais grazas a preto de 935.000 euros en axudas, concedidas principalmente a comunidades de montes. Estes beneficiarios seguirán así os pasos da Comunidade do monte veciñal en man común de San Breixo de Parga, que plantou arredor de 14.000 piñeiros do país (Pinus pinaster) nun terreo de 13,73 hectáreas, en virtude dunha achega superior aos 18.000 euros concedida na convocatoria de 2017. A maiores, cabe sinalar que esta superficie foi obxecto dunha prima de mantemento en 2019, 2020 e 2021, por un importe total superior aos 13.130 euros.
Mirando ao resto de Galicia, Ourense sitúase á cabeza na convocatoria deste ano, con 64 expedientes aprobados para efectuar plantacións de coníferas e frondosas en 1.311 hectáreas, cun total superior aos 2,4 millóns de euros de axuda. No caso de Pontevedra, hai 42 beneficiarios para a creación de superficies forestais en 547 ha con máis de 1,1 millóns de euros en achegas. Mentres, na Coruña rexistráronse 14 subvencións favorables, cunha concesión de case 294.000 euros para plantar en 147 hectáreas.
En relación ao tipo de beneficiarios, das 173 solicitudes totais aprobadas, 149 correspóndense a Comunidades de montes veciñais en man común, 14 a particulares e 10 a agrupacións.
Canto aos gastos subvencionables desta liña de axudas, a Xunta financia tanto os gastos de plantación e da área de defensa contra incendios forestais -é dicir, o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo e a adquisición de planta- como as infraestruturas de acompañamento e as obras complementarias.
Así mesmo, o conselleiro recalcou que con estas achegas se confirma o compromiso da Xunta pola ampliación e diversificación da superficie forestal arborada contemplado no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, reafirmado coa suspensión temporal de novas plantacións de eucalipto en terreos onde antes non os había, recollida na Lei de recuperación da terra agraria.
Nesa liña, o conselleiro resaltou que este ano se aprobaron axudas para plantar frondosas e coníferas nun total de 128,11 hectáreas ocupadas previamente por eucalipto, acacia negra, mimosa ou falsa acacia, para así proceder á eliminación destas especies. Este valor supón multiplicar por catro a cifra ao respecto da convocatoria anterior.

Outras convocatorias próximas a resolverse

A maiores, José González apuntou que dende a Consellería do Medio Rural se están a tramitar as solicitudes correspondentes a outras dúas ordes de axudas, cun orzamento combinado que supera os 19,7 millóns de euros e cuxa aprobación se producirá neste terceiro trimestre de 2021.
En primeiro lugar, as axudas para o impulso da boa gobernanza nas Comunidades de montes veciñais en man común, cun orzamento superior aos 6,7 millóns de euros. Ao abeiro desta orde que se convocou este ano por vez primeira recibíronse 2.080 solicitudes de 1.145 comunidades de montes veciñais.
Ademais, estanse a tramitar as axudas para accións silvícolas cun orzamento de máis de 13 millóns de euros. Neste caso, recibíronse máis de 640 solicitudes.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural