A Unidade de Investigación de Incendios Forestais da Xunta determina que a presunta causa dun lume na Pobra do Caramiñal foi unha cabicha mal apagada

O lume, rexistrado onte na parroquia do Xobre ou O Maño, afectou tan só 0,01 hectáreas de monte raso, grazas á rápida intervención do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia

Tras desprazarse in situ ao lugar do incendio, a UIFO conseguiu esclarecelo en colaboración cos axentes ambientais do Distrito IV-Barbanza

Esta Unidade, creada no Pladiga deste ano, está formada por 15 membros da escala de axentes ambientais que están desvinculados das tarefas de extinción, polo que se centran especificamente na investigación dos incendios

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2021

A Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), dependente da Consellería do Medio Rural, vén de esclarecer un lume rexistrado onte no concello coruñés da Pobra do Caramiñal. Así, tras desprazarse in situ ao lugar do incendio, a UIFO determinou que a presunta causa foi unha cabicha mal apagada, grazas ao traballo levado a cabo en colaboración con axentes ambientais do distrito IV-Barbanza.

O referido incendio iniciouse ás 14,59 h. da pasada tarde na parroquia do Xobre ou O Maño e deuse por extinguido ás 16,18 h. afectando tan só 0,01 hectáreas de monte raso, grazas á rápida intervención do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPIF) de Galicia. En concreto, para o seu control mobilizáronse dous axentes, dúas brigadas e unha motobomba.

Agora, tras a localización da cabicha por parte da UIFO, estase a traballar na investigación completa conxuntamente coa Policía Nacional para que verifiquen a procedencia destes restos de cigarro mediante proba de ADN, continuando así coas dilixencias oportunas.

Cómpre apuntar que a UIFO, creada no Pladiga deste ano, está formada por 15 membros da escala de axentes ambientais, con dependencia directa do director xeral de Defensa do Monte, e que están desvinculados das tarefas de extinción, polo que se centran especificamente e con maior intensidade na investigación dos lumes, como é o caso que nos ocupa.

Ademais, a Xunta lembra que máis do 70% do territorio galego está vixiado por un total de 142 cámaras repartidas por toda a xeografía galega e que permiten salvagardar, detectar e anticiparse aos lumes, ademais de 12 drons cos que persoal da Xunta vixía os montes galegos para detectar condutas incendiarias. A maiores, tamén vixían sobre o terreo unha trintena de patrullas do Exército cos seus respectivos drons, ao abeiro da Operación Centinela Gallego 2021.

Nesta liña, a Xunta pide prudencia nos montes con accións que poidan derivar en incendios forestais e fai un novo chamamento á colaboración cidadá para informar en caso de detectar algún lume forestal a través do teléfono gratuíto 085. Ademais, lembra o teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural