Un total de 24 proxectos de I+D+i relacionados coa pandemia aspiran ás axudas do programa Conecta Covid da Xunta

Nas iniciativas están implicadas 45 empresas galegas, das cales 40 son pemes e as outras 5 grandes compañías tractoras, así como 10 organismos de investigación

Entre as propostas destacan sistemas de desinfección intelixente, aplicacións dixitais e de Intelixencia Artificial no diagnóstico e proxectos de desenvolvemento experimental para evitar a propagación do virus

A convocatoria, promovida pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, conta coa colaboración dos dous Hubs de innovación dixital galegos, Dihgigal e Datalife, que poderán orientar os apoios ás necesidades reais do tecido empresarial

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), recibiu solicitudes para financiar 24 proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación orientados a facer fronte á pandemia da covid-19 no marco da convocatoria do programa de axudas Conecta Covid. Así, 21 destas iniciativas están relacionadas coa investigación industrial e desenvolvemento experimental relacionado coa covid-19, mentres que as 3 restantes enmárcanse no eido da innovación en produto vinculada tamén a pandemia.
Nos 24 proxectos están implicadas 45 empresas galegas –das cales 40 son pemes e as outras 5 grandes empresas tractoras– e 10 organismos de investigación, e todos eles están orientados ao mercado e á mellora da competitividade das empresas galegas, contribuíndo ao mesmo tempo ao impulso da transición dixital do tecido empresarial galego –especialmente das pemes–, e polo tanto á recuperación económica de Galicia.

Entre as solicitudes presentadas ao Conecta Covid destacan, entre outros, sistemas de desinfección intelixente, aplicacións dixitais e de Intelixencia Artificial no diagnóstico e proxectos de desenvolvemento experimental para evitar a propagación do virus.
Neste sentido, todos están aliñados cos obxectivos dos Hubs galegos de innovación dixital, Dihgigal e Datalife, ambos axentes colaboradores na convocatoria e desenvolvemento do programa de axudas que fomenta tamén a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia.

 

“A colaboración dos Hubs permitirá canalizar os fondos dun xeito eficaz e eficiente, xa que poderán orientar os apoios ás necesidades reais do tecido empresarial e avanzar no modelo galego de especialización intelixente”, sinalou a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey.

Ao mesmo tempo, destacou que “neste contexto de pandemia, a innovación e a transición dixital son máis necesarias que nunca para reactivar a economía, recuperar o emprego e garantir a prosperidade da nosa rexión”.

A Xunta de Galicia destina 4M€ a esta nova convocatoria Conecta Covid, coa que agarda mobilizar 6M€ grazas ao cofinanciamento privado das empresas galegas. Así, a intensidade da axuda que recibirán os proxectos apoiados depende da liña e do tamaño das empresas implicadas, podendo recibir as pemes ata o 80% do total do investimento. Ademais, poderán realizarse pagamentos anticipados de ata o 80% da axuda concedida e incluso do 100% no caso de que as iniciativas rematen este ano ou en 2022.

Imaxes relacionadas