'Atardecer no Gaiás' despídese esta semana cos concertos de Pedro Mafama e Blanco Palamera

O fadista urbano Pedro Mafama chega o xoves á Cidade da Cultura coa súa mestura de música tradicional portuguesa, sons electrónicos e ritmos do Sur

Os composteláns Blanco Palamera pechan o ciclo este venres cun concerto que xa esgotou todas as entradas

Organizado pola Xunta de Galicia coa colaboración do INAEM, propuxo este ano 16 concertos ao aire libre con sons urbanos, trap, indie, pop, electrónica ou rock

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2021

Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, pecha a edición deste ano con dous concertos que dan conta da súa aposta pola visibilidade de músicas diversas e anovadoras e pola atención á escena musical galega.
O xoves 26 de agosto, o lisboeta Pedro Mafama levará ao escenario do Gaiás a súa harmoniosa mestura de sons electrónicos e urbanos coa música tradicional portuguesa. Fado trap, guitarras sintéticas, coros dixitais e autotune resoarán nos temas que conforman Por este rio abaixo, un traballo que homenaxea o clásico Por este rio acima de Fausto Bordalo Dias e co que Mafama convida a unha viaxe cara ao Sur, cara aos sons árabes e africanos que conforman tamén a historia e a tradición musical portuguesas. A mestura adúbase con letras vívidas e directas que transportan ás rúas da Lisboa do presente e nos devolven os sons actuais da veciña Portugal.

O dúo compostelán Blanco Palamera encargarase de poñerlle o peche ao ciclo este venres 27 de agosto na praza central da Cidade da Cultura. Manu Blanco (guitarra e voz) e Xoán “Palamera” Domínguez (baterías e coros) combinan R&B, sintetizadores e guitarras a través de melodías e ritmos que transitan do trip-hop ao jazz, da bossa ao dream pop, do funk á indietrónica, nunha proposta exquisita de letras vulnerables e certeiras. O seu álbum debut Promesas, con colaboracións e achegas de formacións como Puma Pumku, Pianet ou Baiuca levounos por numerosos festivais e locais da contorna galega e estatal e aventura ser o primeiro de moitos. Para o concerto do venres no Gaiás, penduraron xa o cartel de “entradas esgotadas”.

Ambos os dous concertos terán lugar ás 21 horas na praza central da Cidade da Cultura. As entradas, a un prezo de 3 euros, puxéronse á venda a través da web ataquilla.com. Toda a información de grupos e artistas está dispoñible na web da Cidade da Cultura.

Solpores musicados

O programa de solpores musicados da Cidade da Cultura propuxo este ano 16 concertos ao aire libre para todos os xoves e venres do 8 de xullo ao 27 de agosto. Sons urbanos, trap, indie, pop, reguetón, electrónica, rock, e música folk e de raíz conformaron unha programación que busca ser un escaparate das tendencias musicais actuais da man de formacións e artistas das contornas galega, estatal, europea e latinoamericana. Organizado pola Xunta de Galicia, Atardecer no Gaiás contou en 2021 coa colaboración do INAEM.