Lete Lasa enxalza á delegación paralímpica galega en Toquio que acadará 'unha participación tan exitosa' como a da delegación olímpica

A páxina web galiciaolimpica.gal permanecerá atenta a todo o que aconteza para as galegas e galegos nos Xogos Paralímpicos: calendario, resultados e entrevistas personalizadas para coñecer máis a fondo aos deportistas que compiten baixo a bandeira de Galicia

No día de onte, a Fundación Deporte Galego publicou a segunda resolución sobre a convocatoria de ‘Axudas Reto Galicia Tokyo con Igualdade’ que en total concede 300.000 euros aos deportistas olímpicos e paralímpicos galegos en Toquio

Santiago, 25 de agosto de 2021

Coincidindo co inicio dos Xogos Paralímpicos de Toquio o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, confía en que a delegación paralímpica galega acade “unha participación tan exitosa” como a da delegación olímpica. No tocante o número de participantes, tras os 20 deportistas galegos e 5 con licencia galega que competiron nos Xogos Olímpicos, a delegación paralímpica tamén acada un éxito de participación cun total de 14 deportistas galegos e 2 guías, representando o 15% de toda a delegación olímpica nacional. Do mesmo xeito, Lete Lasa celebrou os diplomas olímpicos acadados por Jacobo Garrido e por Chano Rodríguez na mañá de hoxe.

Deste xeito, do 24 de agosto ao 5 de setembro competirán en Toquio: Juan Antonio Saavedra (tiro olímpico), Martín de la Puente (tenis en cadeira de rodas), Alejandro Vidal (taekwondo), Jacobo Garrido e Chano Rodríguez (natación), Manuel Lorenzo, David Mouriz, Agustín Alejos e Vicky Alonso (baloncesto en cadeira de rodas), Desirée Vila, Gustavo Nieves e Adiaratou Iglesias (atletismo), Adrián Mosquera (piragüismo), Susana Rodríguez Gacio (tríatlon e atletismo) e os guías desta última, Gustavo Rodríguez e Celso Comesaña.

Cómpre salientar que a páxina web galiciaolimpica.gal permanecerá atenta a todo o que aconteza para os galegos e galegas nos Xogos Paralímpicos de Toquio. Ademais do calendario dos deportistas galegos con todos os detalles das probas nas que compiten, o espazo web tamén informa ao momento sobre os seus resultados. Do mesmo xeito, contén extensas entrevistas personalizadas para coñecer máis a fondo aos deportistas que compiten baixo a bandeira de Galicia.

Ademais, no día de onte, a Fundación Deporte Galego publicou a segunda resolución sobre a convocatoria de ‘Axudas Reto Galicia Tokyo con Igualdade’ que en total concede 300.000 euros aos deportistas olímpicos e paralímpicos galegos en Toquio. Polo de agora, un total de 26 deportistas galegos xa foron subvencionados grazas ás dúas primeiras resolucións.

Imaxes relacionadas