O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións do parque monfortino

A Xunta destina preto de 318.000 euros ao concello de Monforte para a mellora dos accesos e a creación dun viveiro empresarial no polígono do Reboredo

O parque utilizará as axudas públicas para ampliar o único camiño que queda por urbanizar no polígono e habilitar un espazo de 180 m² para favorecer a implantación de novas empresas

Nos últimos anos, o polígono do Reboredo ten recibido máis de 540.000 euros por parte da Administración autonómica para levar a cabo proxectos como a mellora das infraestruturas viarias e o alumeado público, a reforma da Edar ou a posta en marcha dun sistema de vixilancia de verteduras

Conde destaca a colaboración institucional con Monforte, un dos Concellos Emprendedores de Galicia, o que lle permite captar novos investimentos e impulsar a súa competitividade industrial

O Goberno galego destina este ano 4,12M€ para impulsar proxectos de acondicionamento de infraestruturas en 51 municipios, pertencendo 9 actuacións á provincia de Lugo

Monforte de Lemos (Lugo), 25 de agosto de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o parque empresarial do Reboredo, en Monforte, un dos beneficiarios das axudas postas en marcha pola Xunta de Galicia para ofrecer as mellores condicións de servizo ás empresas asentadas nos polígonos e facilitar a captación de novos investimentos.

En concreto, o Goberno galego destina preto de 318.000 euros ao parque do Reboredo
para acometer os traballos de mellora e ampliación dun camiño público –o único que queda por urbanizar– que permitirá pechar este polígono polo lado Este e pasar dunha vía de menos de catro metros de ancho a unha rúa de 16,5 metros con aparcamento e beirarrúas a ambos lados da calzada.

Ademais, a partida permitirá a adecuación de parte dunha nave industrial para a creación dun viveiro empresarial de 180 m² que favoreza a implantación de novas compañías. Trátase dun dos catro espazos deste tipo impulsados este ano na provincia de Lugo, xunto aos de Corgo, Paradela e Bóveda.

“Hoxe cabe destacar a colaboración entre a Xunta e o propio Concello nun obxectivo común como é a dinamización económica e empresarial e a creación de emprego nun eido importante para Lugo e tamén para Galicia como é a Ribeira Sacra”, asegurou Conde.

Estas actuacións enmárcanse dentro da liña de apoios posta en marcha pola Xunta de Galicia para impulsar proxectos de acondicionamento de infraestruturas, a través dun investimento de 4,12M€. En total, foron 51 os municipios galegos que se beneficiaron destas axudas, dos que 38 son Concellos Emprendedores como é o caso de Monforte de Lemos, o primeiro en ser declarado pola Administración con esta características.

Así, tal e como apuntou o vicepresidente económico, o feito de ser Concello Emprendedor implica a colaboración coa Xunta na captación de novos investimentos para Galicia a través da simplificación administrativa; maiores facilidades de acceso ao solo industrial e incentivos fiscais. A cambio, o Goberno galego colabora no desenvolvemento de investimentos como os levados a cabo no polígono do Reboredo.

Desde o 2009, a Administración autonómica ten permitido apoiar 627 proxectos de acondicionamento de infraestruturas nos parques empresariais galegos, así como a implantación de 13 viveiros industriais nos últimos cinco anos. No que respecta a Monforte de Lemos, contou con máis de 540.000 euros que permitiron mobilizar preto dun millón de euros e mellorar infraestruturas viarias e o alumeado público, reformar a Edar ou implantar un sistema de vixilancia de verteduras.

Estas actuacións forman parte do obxectivo do Goberno galego de dar pulo aos parques empresariais galegos, facilitando que empresas e emprendedores dispoñan dunha oferta competitiva de parques e polígonos onde instalarse para dinamizar así a actividade económica, crear emprego, e impulsar a recuperación económica.

Neste sentido, Francisco Conde indicou a vontade da Xunta de “seguir traballando co Concello de Monforte no Plan de reactivación económica para colaborar con pemes e autónomos que están a precisar axudas nestes momentos”. Así, destacou o investimento de máis de 1,8M€ a estes colectivos, con apoios para a implantación de terrazas, dixitalización, comercio e axudas directas, entre outras. “Hai unha colaboración efectiva entre a Xunta e Concello e creo que ese é o camiño que hai que seguir para facer unha Ribeira Sacra máis industrial e que siga sendo capaz de atraer novos proxectos”, destacou.

Imaxes relacionadas