A Xunta executa obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-301, no treito coincidente coa traza do Camiño Portugués ao paso por Padrón

A intervención consiste na execución dun tramo de beirarrúa e dun paso peonil para reforzar a seguridade dos peóns e dos peregrinos

Os traballos tamén abranguen a mellora da sinalización coa disposición de novos reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago

As obras inclúense nas 70 actuacións que a Xunta executará este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, cun investimento conxunto de 1,4 M€

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar obras de mellora da seguridade na estrada AC-301, no treito coincidente coa traza do Camiño Portugués, ao seu paso por Padrón.
As actuacións estanse a levar a cabo á altura do punto quilométrico 0+050 desta vía autonómica.
Esta intervención consiste na execución dun tramo de beirarrúa, así como dun paso de peóns para reforzar a seguridade dos usuarios máis vulnerables da estrada, como os peóns e os peregrinos.
Os traballos inclúen a mellora da sinalización coa disposición de novos sinais reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago.
Estas obras, que supoñen un investimento de 12.000 euros, están incluídas nas 70 actuacións que a Xunta executará este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, que suporán un investimento conxunto de 1,4 millóns de euros.
O Goberno galego, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.

Imaxes relacionadas