Na presentación da segunda edición do festival ‘Ourenrock Sound – XS’ na Insua dos Poetas

Gabriel Alén sinala a Galicia como un destino turístico, seguro, de calidade e sostible neste Ano Santo

O delegado territorial significou que o ‘Ourenrock Sound – XS’ conta con artistas de primeiro nivel como Iván Ferreiro, M-Clan, Dakidarría, Tandub, Indomable e Lau

Gabriel Alén subliñou que ‘seguiremos traballando no reforzo desa mensaxe de Galicia como un destino seguro que nos permitiu que o turismo galego resistise mellor que a media nacional todos estes meses’

Ourense, 25 de agosto de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na presentación da segunda edición do festival “Ourenrock Sound - XS”; un certame a musical, que conta cun cartel extraordinario de artistas de primeiro nivel como Iván Ferreiro, M-Clan, Dakidarría, Tandub, Indomable e Lau.

O delegado territorial sinalou que “tralos tempos de hoxe en día, que agardo pasen logo para volver a tan desexada normalidade, a Xunta de Galicia puxo en andamento para este Xacobeo 21 – 22 unha axenda cultural e de lecer ampla, variada e participativa, que como o caso que nos ocupa, tivese en conta a singularidade da paisaxe, o respecto polo medio ambiente e supuxese unha aposta de sustentabilidade”.

Para Gabriel Alén “esta cita é un exemplo do moito que Galicia ten que ofrecer como destino turístico”. Polo seu potencial – engadiu o delegado territorial- “para ofrecer un destino seguro, de calidade e sostible neste Ano Santo. Con espazos abertos en contacto coa natureza coma este que tan demandados están a ser polos visitantes e, combinando neste caso, cunha proposta cultural”.

O representante do Goberno galego concluíu que “seguiremos traballando no reforzo desa mensaxe de Galicia como un destino seguro que nos permitiu que o turismo galego resistise mellor que a media nacional todos estes meses. E tamén incidindo en que temos un Camiño Seguro que se está a reactivar con máis dun milleiro de persoas ao día acadando esta fin de semana a cifra dos 70.000 peregrinos, algo impensable respecto aos primeiros meses deste ano”.

Imaxes relacionadas