O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, reuniuse hoxe cos alcaldes do Carballiño, Francisco José Fumega, e de Maside, José Manuel Iglesias

A Xunta avanza cara á ampliación do parque empresarial do Carballiño en máis de 1,2 millóns de m2

Parte desta superficie pertence ao municipio do Carballiño e parte ao de Maside

A modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, que facilitará o crecemento do polígono ourensán, está xa en trámite de avaliación ambiental e prevese que a súa aprobación definitiva se produza o ano que vén

A Xunta desenvolverá a urbanización do solo destinado a acoller novas empresas

O Carballiño (Ourense), 25 de agosto de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanza na tramitación da modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG) que permitirá a ampliación do parque empresarial do Carballiño en máis de 1,2 millóns de metros cadrados.

Así llo trasladou hoxe o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, aos alcaldes do Carballiño, Francisco José Fumega, e Maside, José Manuel Iglesias, cos que mantivo unha reunión para abordar os últimos pasos dados pola Xunta con relación á revisión do PSOAEG, actualmente sometido a avaliación ambiental.

Unha vez superado este trámite, está previsto que a aprobación inicial da modificación se produza no mes de novembro e a definitiva, en 2022.

O novo documento contempla o crecemento do polígono ourensán coa urbanización de dúas novas zonas, unha das cales estará en terreos do concello do Carballiño e a outra no de Maside. En total, a ampliación do parque ocupará unha superficie de 1,2 millóns de metros cadrados, estando previsto no propio Plan sectorial que a urbanización sexa realizada pola Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou da empresa pública Xestur.

Unha vez incluído o novo ámbito industrial no PSOAEG, tamén será o IGVS o encargado da tramitación do proxecto sectorial do parque empresarial.

Coa ampliación do parque xa existente para dar servizo aos municipios limítrofes do Carballiño e Maside, a Xunta de Galicia facilitará a implantación de novas empresas na zona, dotando de solo empresarial aos dous concellos.

Actualmente cómpre lembrar que o IGVS dispón de tres parcelas dispoñibles no parque carballiñés, cunha superficie total de 9.117 metros cadrados e unha bonificación do 50% no prezo de venda das mesmas.

Imaxes relacionadas