A Xunta inicia o acondicionamento da estrada AC-423 que une Agrilloi e Ponteceso, en Cabana de Bergantiños, cun investimento de máis de 1 M€

A actuación, cun prazo de 6 meses, levarase a cabo na estrada que conecta coa autovía da Costa da Morte, no treito entre os puntos quilométricos 0 e 5+350

A intervención inclúe a mellora do firme no tramo, a rectificación de curvas de radio reducido e a execución de tres treitos de sendas peonís

Colocaranse varandas de protección nos lugares con desniveis e renovarase unha marquesiña para garantir a protección dos usuarios do bus

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2021

A Xunta iniciou as obras da 1ª fase de acondicionamento da estrada AC-423, que une Agrilloi e Ponteceso, en Cabana de Bergantiños.
Os traballos, que suporán un investimento de máis dun millón de euros, contan cun prazo de execución de 6 meses.
A intervención levarase a cabo na estrada que conecta coa autovía da Costa da Morte, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0 e 5+350.
Trátase da 1ª fase de acondicionamento dun treito de 5,3 km da estrada autonómica AC-423, na que se mellorará o firme naqueles treitos que presenten deterioros, estendendo unha nova capa de rodadura no ámbito da actuación.
Tamén se rectificarán as curvas con radio reducido -aquelas cun radio inferior aos 50 metros- nun treito aproximado de medio quilómetro.
Executaranse tres treitos de sendas en distintos puntos da estrada: un total de 1,4 km de itinerarios peonís que conectarán cos que xa hai na actualidade, para favorecer os desprazamentos a pé.
Ademais, colocaranse varandas de protección nos lugares onde hai maiores desniveis e renovarase unha marquesiña deteriorada, para garantir o acubillo e protección dos usuarios do bus.
Como actuacións complementarias, mellorarase a sinalización, os elementos de balizamento e defensas, coa reposición dos servizos afectados que sexa necesario.

Imaxes relacionadas