A Xunta comeza as obras de mellora do firme en 12 km da vía de altas prestacións entre Monforte de Lemos e o Alto do Faro

A realización dos traballos fai necesario o corte dun carril, dando paso alternativo ao tráfico polo outro, quedando a vía libre en horario nocturno e días non laborables

Esta actuación forma parte dun contrato que tamén inclúe a rehabilitación do firme da estrada entre Chantada e Escairón, a LU-533, cun investimento global de 2 M€

As intervencións, cun prazo de 6 meses, permitirán a mellora da capa de rodadura nestas estradas ao paso por Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao e Chantada

As obras enmárcanse no Plan de reforzo de firmes, mediante o que a Xunta inviste este ano 4,6 M€ en estradas autonómicas da provincia de Lugo

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2021

A Xunta iniciou as obras de mellora do firme en 12 km da vía de altas prestacións que une Monforte de Lemos co Alto do Faro (CG-2.1).

Esta intervención forma parte do contrato para o acondicionamento desta vía do sur da provincia de Lugo, no que se inclúe tamén as obras de rehabilitación do firme na LU-533, entre Chantada e Escairón.

As actuacións nestas dúas estradas suporán un investimento global de 2 M€ e contan cun prazo de execución de 6 meses.

Os traballos están a comezar na vía de altas prestacións de conexión con Chantada, que continúa cara a Lalín, concretamente o treito que vai do punto quilométrico 4+900 ao 16+500.

Cómpre lembrar que é necesario o corte dun carril da vía, dando paso alternativo ao tráfico polo outro, quedando a estrada sen cortes en horario nocturno e en días non laborables.

As obras na CG-2.1 consisten na extensión dunha capa de rodadura en toda a lonxitude da estrada, polo que para a realización destes traballos é necesario o corte dun carril, dando paso alternativo ao tráfico polo outro.

A outra intervención de acondicionamento do firme que se vai executar no marco deste contrato, desenvolverase nun tramo de algo máis de 10 km da LU-533, a estrada autonómica que comunica Chantada e Escairón.

Estas tarefas permitirán a mellora do firme nas dúas vías autonómicas, ao seu paso polos municipios de Monforte de Lemos, de Pantón, do Saviñao e de Chantada.

Estas actuacións forman parte do Plan de reforzo de firmes, mediante o cal a Xunta inviste este ano 4,6 M€ no acondicionamento do firme das estradas autonómicas da provincia de Lugo.

Imaxes relacionadas