As obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica AC-840 en Oza-Cesuras suporán afeccións ao tráfico a partir de mañá

Será necesario un corte de carril, que se realizará só durante a xornada de traballo, restablecéndose a circulación normal ao final do día

O peche de carril, cunha duración estimada en 6 semanas, é necesario para poder executar o movemento de terras para a ampliación da plataforma e para os traballos de pavimentación

Construirase unha nova senda peonil e ciclista e mellorarase unha intersección cun investimento autonómico de 454.000 euros

O itinerario habilitarase na marxe dereita da AC-840, coincidindo o seu inicio co núcleo rural de Porzomillos e finalizando antes do núcleo urbano de Oza dos Ríos


Reformarase a intersección que conecta a AC-840 coa vía que vai a Carraceda, A Picha, O Corvo e A Fonte da Viña para reforzar a seguridade neste punto

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2021

As obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-840 en Oza- Cesuras suporán afeccións ao tráfico a partir de mañá ás 8,30 horas.

Será necesario un corte de tráfico nun carril, que se realizará só durante a xornada de traballo, restablecéndose a circulación normal ao final desta. Os vehículos iniciarán este traxecto regulado por unha marxe, cambiando para a marxe contraria segundo a sinalización habilitada.

Esta restrición, cunha duración estimada en 6 semanas, posibilitará executar o movemento de terras para a ampliación da plataforma e os traballos de pavimentación, no marco da mellora de seguridade que está a acometer a Xunta na AC-840, entre Porzomillos e Oza.

As intervencións, que suporán un investimento autonómico de preto de 454.000 euros, consisten na construción dunha nova senda peonil e ciclista e na reordenación dunha intersección.

Por unha parte, a Xunta, atendendo á solicitude do Concello, construirá unha senda peonil e ciclista na marxe dereita da AC-840, cara a Oza, entre os puntos quilométricos 5+444 e 6+826,50, coincidindo o seu inicio co núcleo rural de Porzomillos e finalizando antes do núcleo urbano de Oza dos Ríos.

Por outra parte, o proxecto inclúe a reforma da intersección da AC-840, no punto quilométrico 6+000.
Trátase da reordenación da intersección que conecta esta estrada autonómica coa vía que comunica cos núcleos de Carraceda, A Picha, O Corvo e A Fonte da Viña, e o seu obxectivo é mellorar a seguridade viaria neste punto.