A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a aprobación da información pública e do proxecto da nova senda na estrada PO-548 en Valga

A intervención, cun investimento autonómico de 790.000 euros, licitarase a finais deste ano ou comezos do vindeiro

A actuación consistirá na execución dunha senda peonil entre os puntos quilométricos 2+970 e 3+200 da estrada PO-548 para continuar a existente

A senda discorrerá pola marxe esquerda da estrada ata o cruce coa pista municipal e requirirá dunha pasarela sobre o río Louro

Este proxecto permitirá habilitar un espazo axeitado para os peóns e reordenar a intersección no punto quilométrico 3+910, reforzando a seguridade viaria na zona

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación da información pública e do proxecto de construción dunha nova senda na estrada PO-548, en Valga.
No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta resolución: http://xurl.es/84aga
Esta intervención suporá un investimento autonómico de preto de 790.000 euros, incluíndo as expropiacións. O proxecto contará co cofinanciamento de fondos europeos React-UE.
A Xunta prevé aprobar en outono o decreto das expropiacións para poder licitar as obras a finais de 2021 ou principios de 2022.
A actuación consistirá na execución dunha nova senda peonil na estrada PO-548 en Valga, entre os puntos quilométricos 2+970 e 3+200, coa fin de darlle continuidade á xa existente.
A senda discorrerá pola marxe esquerda da estrada ata o cruce coa pista municipal que lle dará continuidade e requirirá da instalación dunha pasarela metálica de grandes dimensións, de 21 metros de lonxitude por case 3 metros de anchura, sobre o río Louro.
Ademais ampliarase o paso sobre o citado río, aumentando a plataforma da calzada cun forxado de chapas metálicas sobre trabes e construíndo catro muros de contención para asentar e fixar o terreo cunhas condicións idóneas de seguridade.
O obxectivo da intervención é habilitar un espazo seguro para os peóns e reordenar a intersección no punto quilométrico 3+910, impedindo a realización de movementos que provocan situacións de risco.