A Xunta solicita a colaboración da Delegación do Goberno na loita contra o furtivismo

A Coruña, 23 de agosto de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo subdirector do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, mantivo hoxe un encontro co delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, no que abordaron asuntos de interese para o sector do mar fundamentalmente relacionados coa loita contra o furtivismo no marisqueo. A titular de Mar solicitou a colaboración da Delegación do Goberno neste eido, especialmente nos casos de acción ilícita relacionados con problemas de orde pública, co obxectivo de facer fronte a esta problemática de xeito máis eficaz.

A representante do Executivo galego manifestou ademais a necesidade de coordinar entre ambas administracións as distintas inspeccións ao sector profesional coa finalidade de facilitar a actividade da frota e de evitar solapamentos que a dificulten. A maiores, a conselleira aproveitou a reunión para trasladar ao delegado outras demandas co obxectivo de avanzar no desenvolvemento da actividade do sector marítimo-pesqueiro e na mellora da súa competitividade.

Imaxes relacionadas