A Xunta realiza obras de mellora de seguridade na estrada AC-440, no treito coincidente coa traza do Camiño de Fisterra ao seu paso por Muxía

A intervención, no punto quilométrico 12+220 da estrada, consiste na execución de dous tramos de senda e a disposición de sinalización e bandas transversais de alerta

As obras súmanse ás iniciadas con anterioridade nesa mesma vía, á altura do quilómetro 11+620, que inclúen tamén un treito de senda e sinais de cruzamento

Os traballos, cun investimento superior aos 30.000 euros, inclúense nas 70 actuacións que a Xunta executará este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, cun investimento conxunto de 1,4 M€

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2021

A Xunta comezou as obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-440, no treito coincidente coa traza do Camiño de Santiago a Fisterra, ao seu paso polas Casas Novas, no concello de Muxía.
Esta intervención estase a levar a cabo na zona correspondente co punto quilométrico 12+220 desta vía autonómica.
Os traballos consisten na execución de dous tramos de senda en ambas as marxes da estrada.
Tamén se disporán bandas transversais de alerta e reforzarase a sinalización coa fin de incrementar a seguridade neste punto.
Estas obras súmanse ás iniciadas con anterioridade tamén nesta mesma estrada, á altura do punto quilométrico 11+620.
No caso deste treito, o proxecto inclúe unha escolleira ao pé do noiro da estrada pola marxe dereita, cun treito de senda, así como a sinalización do cruzamento, incluíndo a colocación de dúas bandas transversais de alerta.
Estes traballos, que supoñen un investimento superior aos 30.000 euros, están incluídos nas 70 actuacións que a Xunta executará este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, que suporán un investimento conxunto de 1,4 millóns de euros.
O Goberno galego, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia de peregrinos que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.

Imaxes relacionadas