A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade visitou o encoro de Portodemouros, en Vila de Cruces, unha das presas hidroeléctricas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa

Ethel Vázquez salienta que os encoros hidroeléctricos de responsabilidade da Xunta superan o 66% e que a normativa impide baixadas desmesuradas dos niveis

Vázquez Mourelle subliña a boa situación dos 11 embalses para o aproveitamento hidroeléctrico de competencia da Xunta, como o de Portodemouros ao 62,4% da súa capacidade, fronte ao 13 ou o 15% de certos encoros de Miño-Sil, de responsabilidade estatal

Explica que o control estrito da Xunta e o establecemento de niveis mínimos permite compatibilizar o aproveitamento hidroeléctrico co abastecemento e a preservación dos valores ambientais

Remarca que “deixar baixar do 20% é irresponsable, porque aínda queda moito para que as achegas volvan ser continuas e hai que garantir o abastecemento e o caudal ecolóxico, para preservar a flora a fauna”

Insta ao Goberno central a exercer un control estrito en presas como as de Portas, Cenza, Salas ou Belesar, pois os niveis actuais non son habituais para esta época

Vila de Cruces (Pontevedra), 23 de agosto de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salienta que os encoros hidroeléctricos de responsabilidade da Xunta superan o 66% e que a normativa impide baixadas desmesuradas dos niveis.

Vázquez Mourelle visitou hoxe o encoro de Portodemouros, en Vila de Cruces, unha das presas hidroeléctricas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, de responsabilidade da Xunta.

Manifestou a preocupación pola drástica baixada do nivel de certos encoros da Demarcación Hidrográfica Miño-Sil, de competencia estatal, pois son presas de abastecemento e de aproveitamento hidroeléctrico cun descenso moi acusado dos seus volumes de ocupación.

Subliñou que a situación dos 11 embalses existentes para o aproveitamento hidroeléctrico de competencia da Xunta é boa, xa que se atopan moi por enriba dos da conca estatal do Miño-Sil.

Puxo como exemplo o encoro de Portodemouros, que está ao 62,4% da súa capacidade, polo tanto, superando eses datos alarmantes do 13 ou o 15% que rexistran determinados encoros de Miño-Sil. De feito, a media dos encoros hidroeléctricos de responsabilidade da Xunta, de Galicia-Costa, sitúase ao 66%, mentres que o nivel medio do conxunto de embalses de Galicia-Costa, contando abastecemento e hidroeléctricos, é do 68%.

Explicou que esta boa situación nos encoros de titularidade autonómica é posible grazas a mecanismos de control estritos para garantir que o aproveitamento hidroeléctrico sexa compatible co abastecemento e coa preservación dos valores ambientais e o coidado dos ríos.

Sinalou que en todos os embalses de Galicia-Costa hai fixado, de forma xeral, un nivel mínimo de explotación, a efectos de protexer a fauna que habita nesas masas de auga e tamén para manter unha reserva mínima aos efectos de garantir os caudais ecolóxicos mínimos establecidos.

Trátase de niveis que se fixan na tramitación das normas de explotación das distintas presas, así como nas Comisións de Desaugamento de Encoros, que teñen un carácter semestral.

A Xunta, nos embalses, establece un nivel mínimo do 20%, pero garantindo en todo momento o caudal ecolóxico, e antes de chegar a esa cifra, debe haber autorizacións previas con antelación para ir diminuíndo pouco a pouco ese nivel.

A conselleira apuntou que “deixar baixar dese 20% é irresponsable, porque aínda queda moito para que as achegas aos embalses volvan ser continuas e nese tempo hai que garantir o abastecemento e o caudal ecolóxico, para preservar a flora a fauna”.
Instou ao Goberno central, responsable dos aproveitamentos hidroeléctricos máis potentes de Galicia, a exercer un labor de vixilancia e control estrito, xa que os niveis de auga encorada nas presas de Portas, Cenza, Salas ou Belesar non son os habituais para esta época do ano.

Destacou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica debería ter previsto estes casos e fixar niveis mínimos de ocupación para as hidroeléctricas e para evitar baixadas desmesuradas de nivel como as presentes.

Lembrou que esta situación levou xa á Consellería de Medio Ambiente a ordenar inspeccións periódicas, cos seus axentes, nesas zonas coa fin de facer un seguimento continuo sobre a flora e fauna e verificar que se respecta o caudal ecolóxico establecido.

Esas inspeccións, polo momento, non constataron afeccións sobre a biodiversidade. Continuarase con ese labor de control por parte da Xunta mentres se considere preciso.

Imaxes relacionadas