A Xunta apoia a transformación da zona infantil do parque forestal da Illa da Toxa nunha área recreativa para fomentar a conservación da natureza

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, a área na que se instalaron paneis didácticos e xogos de madeira co obxectivo de inculcar valores ambientais á cativada

O Goberno galego apoia estas melloras cunha axuda do Fondo de Compensación Ambiental, a través do que precisamente colabora cos municipios na divulgación da conservación da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia

O Grove (Pontevedra), 23 de agosto de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, as melloras levadas a cabo na zona infantil do parque forestal da Illa da Toxa para convertela nunha área recreativa medioambiental coa que divulgar os valores ambientais da zona entre as xeracións máis novas e dar a coñecer o seu bosque de piñeiros centenarios.

A Xunta colabora co concello do Grove nesta actuación financiada a través do Fondo de Compensación Ambiental e que permitiu instalar no monte central da Illa da Toxa varias infraestruturas integradas na contorna para que os rapaces e rapazas coñezan os distintos tipos de piñeiros do parque, así como a fauna e flora que a rodea, incluíndo as plantas invasoras que poden degradar o medio como a Robinia pseudoacacia. Por iso, con esta especie precisamente se construíu un dos xogos didácticos rústicos e de madeira instalados na aldea dos Grobits. Ademais, colocáronse varios paneis infantís didácticos en madeira de piñeiro cos que fomentar a conservación da biodiversidade e o uso didáctico dos recursos naturais no entorno.

A colaboración da Xunta co concello nesta actuación cunha axuda de máis de 23.000 euros enmarcase no Fondo de Compensación Ambiental. O Goberno galego destina este ano 11 millóns de euros a esta liña de subvencións destinado a financiar nos concellos iniciativas dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.

De feito, ao abeiro deste fondo a Xunta ten apoiado outras iniciativas de conservación ambiental no concello, incluíndo as levadas a cabo a través da Mancomunidade Municipal Voluntaria do Salnés á que pertence. Por iso, Natalia Prieto incidiu na importancia da colaboración da Administración autonómica cos concellos para que poidan levar a cabo actuacións coas que mellorar o benestar dos veciños, pero tamén entre os propios municipios para evitar duplicidades e aforrar recursos.
O concello do Grove recibiu nos últimos anos máis de 1,5 millóns de euros das diferentes liñas de axudas da Administración autonómica para colaborar coas entidades locais na procura de melloras na calidade de vida da veciñanza.

Imaxes relacionadas