Mañá remata o prazo para solicitar as axudas da Xunta para levar a cabo actuacións de comercialización física no sector artesán galego

Os obradoiros, concellos e asociacións profesionais e empresariais interesadas teñen ata mañá luns, 23 de agosto, para solicitar este apoios, que poderán acadar o 80% do investimento

Esta liña de axudas, que conta cun investimento de 255.000 euros, está destinada a accións de venda directa e á organización de feiras de oficios tradicionais

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2021

A Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación mantén aberto ata mañá luns, 23 de agosto, o prazo de presentación de solicitudes das axudas destinadas a impulsar as vendas e a competitividade do sector artesán galego a través de actuacións de comercialización física. Así, os obradoiros, concellos e asociacións interesadas aínda poden optar a estes apoios –poden chegar ata o 80% do investimento–, podendo solicitar anticipos de ata o 50% do importe da axuda concedida.

A convocatoria, que conta cun orzamento de 255.000 euros, contempla axudas de ata 8000 euros para os obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que participen en feiras tanto profesionais como de venda directa.

Os concellos, pola súa banda, poden solicitar apoios para a organización de feiras monográficas cuxo obxectivo sexa a comercialización e a posta en valor de produtos dun mesmo oficio tradicional, para o que terán unha axuda máxima de 15.000 euros, así como para a organización de feiras non monográficas de diferentes oficios con axudas de entre 1500 e 3000 euros, en función do número de obradoiros participantes da marca Artesanía de Galicia.

Os apoios para a organización de feiras de artesanía na Comunidade impulsadas por asociacións profesionais e empresariais do sector poderán chegar ata os 30.000 euros, sempre e cando conten cun 80% de participantes inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Imaxes relacionadas