A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda para as tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas da Xunta, cun investimento de case 1,5 M€

A Xunta comezará este luns novos traballos de limpeza nas marxes de catro estradas autonómicas da provincia da Coruña e en dúas da de Lugo

Iniciaranse as tarefas na estrada AC-302 na Pobra do Caramiñal e nas vías AC-552, AC-840 e a autovía AG-64 ao seu paso polos municipios coruñeses de Vimianzo, Boimorto e Narón

Na provincia de Lugo iniciarase a limpeza nas estradas LU-234 en Friol e LU-122 en Meira e Lourenzá

Tamén proseguirán os labores na provincia de Pontevedra na variante de Vilagarcía VG. 4.7, Carril-Baión, e na estrada PO-531, Pontevedra-Baión; ademais de continuar as tarefas na Variante de Marín, entre Lourizán e Ardán

Na provincia de Ourense continuarán os traballos iniciados nas últimas dúas semanas na estrada OU-801, entre Ribadavia e Ponte Barxas, e na OU-138 en Xunqueira de Espadanedo

O departamento que dirixe Ethel Vázquez leva investidos, desde o ano 2018, 6,8 M€ nas tarefas de control da biomasa nas vías autonómicas, realizadas a través de Seaga

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2021

A Xunta comeza este luns novas tarefas de limpeza nas marxes de catro estradas autonómicas da provincias da Coruña e en dúas novas vías da de Lugo. Ademais continuará coas tarefas iniciadas nas últimas semanas nas estradas da provincia de Pontevedra e de Ourense.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda á empresa pública Seaga para a realización de tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias, de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria, ás que destina un investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

No marco destas actuacións, esta vindeira semana iniciaranse estes traballos nas estradas da provincia da Coruña, AC-302 na Pobra do Caramiñal e nas vías AC-552, AC-840 e a autovía AG-64 ao seu paso polos municipios coruñeses de Vimianzo, Boimorto e Narón.

Tamén se iniciarán novos traballos en dúas estradas da Xunta na provincia de Lugo, neste caso na LU-234 en Friol e LU-122 en Meira e Lourenzá, e continuarán as tarefas na estrada LU-120 en Vilalba, na LU-172, en Muras, e na vía de altas prestacións CG.2.1, en Monforte de Lemos.

Na provincia de Pontevedra proseguirán os labores de roza e limpeza na variante de Vilagarcía VG.4.7, Carril-Baión, e na estrada PO-531, Pontevedra-Baión. Ademais continuarán as tarefas iniciadas hai dúas semanas na Variante de Marín, entre Lourizán e Ardán.

Na provincia de Ourense proseguirán os traballos iniciados nas últimas tres semanas na estrada OU-801, entre Ribadavia e Ponte Barxas, e na OU-138 en Xunqueira de Espadanedo.

Os traballos realizados no marco deste contrato, renovado coa empresa pública Seaga para os vindeiros 12 meses, completan os que se veñen realizando ao longo do ano polo servizos ordinarios de conservación de estradas da Xunta. Así, impúlsase a roza de vexetación de dominio público das estradas autonómicas e o apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.

Estas actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á calzada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos.
Este contrato tamén posibilitará dar cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.
A Xunta intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas autonómicas, engadindo aos medios da súa conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga. Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.

Imaxes relacionadas