A Xunta de Galicia recibe medio cento de achegas de entidades e particulares para o decreto que rexerá o Rexistro de Familias Monoparentais

O Goberno galego puxo en marcha unha consulta aberta a través do Portal de Transparencia para que a sociedade puidese rexistrar as súas suxestións

Santiago de Compostela, 22 de agosto 2021

A Xunta de Galicia recibiu medio cento de achegas de entidades e particulares para a elaboración do decreto que regulará o primeiro Rexistro de Familias Monoparentais co que contará a comunidade autónoma. O Goberno galego puxo en marcha unha consulta aberta a través do Portal de Transparencia para que a sociedade puidese rexistrar as súas suxestións.

O decreto que se elaborará tendo en conta estas achegas busca cumprir un dobre obxectivo: por unha banda, regular o concepto de familia monoparental, establecendo os requisitos de acceso á condición, identificando os tipos, limites de idade e documentación acreditativa, entre outros aspectos, co obxectivo de xerar seguridade xurídica e establecer un procedemento específico que unifique o acceso aos posibles beneficios que neste ámbito vaian xerando as distintas Administracións Públicas.

A necesidade de definir as características que debe reunir unha unidade familiar para ser considerada monoparental responde a que esta figura no está recollida na lexislación estatal, como si ocorre, por exemplo, coas numerosas, polo que debe ser a comunidade autónoma a que estableza os requisitos necesarios para obter esta condición.
Por outra banda, unha vez definido o concepto e as características destas unidades, a norma concretará a creación do Rexistro de Familias Monoparentais Galegas ao que terán acceso, o seu funcionamento, a súa organización e a súa xestión, co obxectivo de dotalas de visibilidade e unificar o acceso aos posibles beneficios aos que teñan dereito.

 

Normativa autonómica

A posta en marcha desta ferramenta autonómica está recollida na Lei 5/2021, de 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, que fixa un prazo de seis meses desde a súa entrada en vigor. A norma galega tamén inclúe a aprobación dun Plan de Apoio ás Familias Monoparentais, que comezará a elaborarse unha vez estean definidas as cuestións relativas ao concepto e a regulación do rexistro destas unidades familiares.

O artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, xa estableceu a condición especial das unidades monoparentais como merecedoras de consideración e protección específica por parte dos poderes públicos. Agora a Xunta de Galicia dá un paso máis coa creación do rexistro e a regulación do acceso ao mesmo.

Imaxes relacionadas