A conselleira do Mar participou na presentación dunha publicación que pon en valor o traballo das artesás das redes

Rosa Quintana enxalza o conto 'Xela, a redeira' como unha boa ferramenta para dar a coñecer este oficio e promover a remuda xeracional

A Xunta apoia este proxecto da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao no marco da colaboración anual que mantén a Consellería do Mar con esta entidade

Outras accións que promove a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao e que se viron na presentación de hoxe son unha curta documental e unha exposición que difunden a historia deste traballo e a súa importancia para o desenvolvemento da actividade pesqueira

Malpica de Bergantiños (A Coruña), 21 de agosto de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na presentación do conto Xela, a redeira onde salientou o valor do traballo que realizan as profesionais deste sector e sinalou que esta publicación dirixida ao público infantil e promovida pola Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao é unha boa ferramenta para dar a coñecer o oficio das redeiras e promover a remuda xeracional.

A Consellería do Mar apoia esta iniciativa no marco da colaboración anual que mantén coa Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao. O conto foi escrito por Alexandra Touza e ilustrado por Patricia Eirín e dá a coñecer a actividade da redería como parte fundamental das actividade do mar.

Nesta liña a titular de Mar subliñou que un conto é a mellor forma de chegar ás novas xeracións, especialmente aos máis cativos e de mostrarlles un dos oficios máis antigos e tradicionais do sector e enxalzou o legado das mulleres que contribuíron a formar a Galicia costeira actual.

En relación ao labor das redeiras, destacou a súa capacidade para dominar todas as técnicas para a confección e montaxe dos aparellos de pesca e tamén para a súa reparación e mantemento. Unhas tarefas, engadiu, que son fundamentais para o desenvolvemento da actividade pesqueira.

Rosa Quintana tamén salientou outras posibilidades que ofrece o oficio das redeiras mediante a diversificación con actuacións como a elaboración de produtos artesáns a partir de refugallos ou o turismo mariñeiro.

Outra acción que promove a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, que complementa á deste conto e que se viu na presentación de hoxe é a curta documental realizada pola produtora Muzungu Producións en coprodución con Doha Debates. Esta peza narra a historia das redeiras e a súa loita por acadar os mesmos dereitos dos que gozan os homes no sector da pesca.

A exposición Redeiras. Unha profesión con historia é outra iniciativa impulsada pola federación co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e que tamén visitou a conselleira. A comisaria é Xela Rodríguez e a mostra está composta por fotos súas e de Rolando López Pérez e pon en valor o papel das mulleres no labor de reparación e fabricación de redes, un dos máis antigos oficios mariñeiros.

Federación Galega de Redeiras Artesás ‘O Peirao’

A Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao foi creada en 2004 no marco do III Encontro de Redeiras e a súa sede social está en Malpica. Na actualidade está integrada por máis de 140 socias repartidas en oito asociacións de redeiras ao longo do territorio galego e ten entre os seus obxectivos defender os intereses das redeiras profesionais de Galicia, visibilizar as necesidades das socias e fomentar o asociacionismo. Outros dos seus fins son a formación de futuras redeiras, promover a diversificación laboral, a través da reciclaxe e artesanía e promover a igualdade entre mulleres e homes.

Imaxes relacionadas