A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río da Gándara, no concello de Pontevedra

Estes traballos desenvólvense nun treito de 135 metros de lonxitude, na parroquia de Cerponzóns

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos na canle

As accións enmárcase no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito Galicia-sur

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río da Gándara, no concello de Pontevedra.

Estes traballos estanse a desenvolver nun treito deste río de 135 metros de lonxitude, na parroquia de Cerponzóns (San Vicente).

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-sur e nas súas zonas de acceso e protección.

Esta intervención contribuirá á mellora do leito fluvial para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.

Imaxes relacionadas