A Xunta destinou no primeiro semestre máis de 5,3 millóns de euros para financiar a asistencia xurídica gratuíta

Desde comezos de ano ata finais de xullo atendéronse máis de 25.400 asuntos

O Goberno galego asinou en 2017 un acordo co Consello da Avogacía galega que situou a Galicia á cabeza de España en canto ás remuneracións dos letrados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2021

A Xunta destinou no primeiro semestre deste ano máis de 5,3 millóns de euros para financiar a asistencia xurídica gratuíta das persoas que acreditaron insuficiencia de recursos. Con esta medida, o Goberno galego garante o dereito fundamental de acceso á xustiza de toda a cidadanía en igualdade de condicións.

Ademais, a Comisión de Asistencia Xurídica de Galicia atendeu máis de 25.400 solicitudes entre xaneiro e xullo. A maioría delas, algo máis de 14.700, correspondéronse á xurisdicción Penal; seguida da xurisdicción Civil, cunhas 8.700 solicitudes. A continuación, aínda que con bastante diferenza, situáronse a xurisdicción Social (1.066), a Contencioso-Administrativa (526), Menores (363) e a militar (4).

Teñen dereito á asistencia xurídica gratuíta os cidadáns españois dos Estados membros da Unión Europea e os estranxeiros que residan legalmente en España, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar.

A Administración autonómica vén introducindo nos últimos anos melloras na xestión deste servizo, por exemplo na incorporación das novas tecnoloxías para axilizar o pago das certificacións, o que ten convertido a Galicia nunha comunidade que paga pronto e puntualmente as certificacións remitidas polos colexios profesionais de avogados e procuradores.

Ademais, o ano pasado, ante a situación excepcional pola crise sanitaria da covid-19, a Xunta decidiu adiantar o pago do primeiro trimestre antes de que se presentasen as certificacións das actuacións realizadas, así como axudar a inxectar liquidez aos profesionais que atenden este servizo contribuíndo a paliar o impacto provocado pola pandemia debido á paralización da actividade xudicial co decreto do estado de alarma.

Cómpre lembrar que a Xunta asinou en 2017 un acordo co Consello da Avogacía galega para incrementar as compensacións económicas destinadas aos colexios de avogados e procuradores, situando a Galicia á cabeza de España no referente ás remuneración dos letrados da quenda de oficio.

Imaxes relacionadas