A Xunta executa obras de reforzo da seguridade das rutas xacobeas en puntos de Triacastela e A Fonsagrada

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destina 27.200 euros aos traballos de acondicionamento, que se desenvolven durante esta quincena

Lugo, 20 de agosto de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a traballar durante esta quincena no reforzo da seguridade de dous puntos do Camiño de Santiago en Triacastela e A Fonsagrada, obras ás que destina un investimento de 27.200 euros.

Ambas actuacións forman parte dun plan posto en marcha no mes de xullo e que contempla ata 36 intervencións na provincia de Lugo para mellorar a seguridade en cruces e treitos das rutas xacobeas que conflúen con estradas autonómicas; conta cun orzamento global de 466.800 euros.

As obras en Triacastela realízanse no tramo do Camiño Francés que discorre paralelo a vía LU-637 en Filloval. Os traballos inclúen a apertura dunha senda de 40 metros de lonxitude, o afirmado do chan e a instalación dunha barreira de seguridade e unha varanda -nas respectivas marxes- para protexer aos peóns. Ademais, vaise reforzar a sinalización.

Na Fonsagrada paviméntase con pedra o tramo do Camiño Primitivo que desemboca na estrada LU-530, nun cruce en curva nas inmediacións do núcleo da Calzada. Instalarase unha barreira de seguridade e, como no conxunto das actuacións, farase un esforzo especial na sinalización, con balizas verticais cilíndricas que enmarcan a saída do Camiño á vía, sinais que advirten da presenza de peóns, o panel que identifica o Camiño ou o pintado de bandas transversais de alerta.

Intervencións en 16 municipios

As intervencións programadas en Lugo levaranse a cabo en 16 municipios dos Camiños Francés, de Inverno, Norte e Primitivo. En concreto, no Francés contémplanse traballos na LU-633, LU-637 e LU-613 ao seu paso por Pedrafita, Triacastela, Samos, Sarria e Portomarín, cun investimento total de 136.800 euros para realizar 13 melloras.
No Camiño Primitivo destínanse 251.500 euros a 14 actuacións para incrementar a seguridade na confluencia coas estradas LU-701, LU-740, LU-530, LU-232 e LU-231 na Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo e Palas de Rei.

No Camiño de Inverno está previsto intervir en seis puntos da LU-933, LU-652 e LU-213 en Quiroga, A Pobra do Brollón e Chantada, cun investimento de 61.000 euros.

Por último, faranse melloras por un total de 17.500 euros na traza do Camiño Norte que coincide coas estradas LU-133 e LU-132 ao seu paso polos concellos de Ribadeo, Trabada e Lourenzá.

Imaxes relacionadas