A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, visitou hoxe Sober xunto ao alcalde e o representante de Ecoembes en Galicia

Cada veciño da Ribeira Sacra reciclou unha media de 18 quilos de envases lixeiros, papel e cartón

Ao longo de 2020 recolleuse algo máis dun millón de quilos de residuos domésticos nos 20 concellos da comarca, que incorporaron 50 contedores á súa rede de reciclaxe

A directora xeral felicita á veciñanza polo seu “compromiso” coa recollida selectiva e incide na necesidade de seguir mellorando as taxas actuais pola vía do fomento da información e da conciencia social para reducir a cantidade de impropios

Sober (Lugo), 20 de agosto de 2021

Cada veciño da Ribeira Sacra reciclou o ano pasado unha media de 18,06 kg de residuos domésticos ao depositalos de forma separada nos contedores amarelo (reservados para os envases de plástico, latas e briks) e azul (papel e cartón). Grazas a este esforzo, a poboación dos 20 concellos lucenses e ourensáns que integran esta comarca logrou recuperar en 2020 un total de 1,03 millóns de kg de lixo a través da recollida selectiva.

Así o subliñou a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, que visitou esta mañá o miradoiro da adega Regina Viarum, en Sober, acompañada do rexedor, Luis Fernández uitián, e do representante de Ecoembes en Galicia, Bruno de Llano, para facer balance sobre a reciclaxe de residuos nesta zona.

Sumados en conxunto, os datos da recollida separada nos municipios lucenses de A Pobra de Brollón, Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, O Saviñao, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober e Taboada e nos ourensáns de A Teixeira, Castro Caldelas, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil e Xunqueira de Espadañedo amosan unha tendencia positiva nos últimos anos, incluso tendo en conta as dificultades para o transporte e a recollida do lixo características de concellos cunha forte dispersión como estes.

En todo caso, nun ano marcado pola Covid e os sucesivos confinamentos e grazas tamén ao continuo reforzo do número de contedores para facilitar o hábito de reciclar, a veciñanza da Ribeira Sacra logrou recuperar o ano pasado 8,64 kg de envases lixeiros e 9,43 kg de papel e cartón de media por habitante.

Neste sentido, cómpre subliñar que en 2020 a rede de puntos de reciclaxe nesta zona viuse ampliada coa instalación de 54 novos contedores amarelos e azuis, pasando dos 1.394 que había a comezos do exercicio aos 1.448 que tiña ao final. De feito, o concello de Sober foi un dos máis reforzados, ao incorporar 12 novos equipamentos: 10 para a recollida de envases e outros dous para os residuos de papel-cartón.

Á vista destes resultados, a directora xeral quixo trasladar os seus parabéns á veciñanza da Ribeira Sacra e ao conxunto da sociedade galega porque grazas á súa colaboración contribúen a que a Comunidade manteña unha boa calidade das augas e do aire e, sobre todo, melloran a súa capacidade para loitar contra o cambio climático.

En todo caso, Sagrario Pérez insistiu tamén na necesidade de manter as accións de información e sensibilización nas que desde hai anos colaboran Xunta e Ecoembes co fin de afinar a separación que fan os cidadáns nos seus fogares, pois subliñou que a pesar de que os galegos “reciclan cada vez máis e mellor”, aínda se detecta unha cantidade de residuos impropios dentro dos contedores amarelos que hai que reducir.

Así mesmo, tamén felicitou aos rexedores da Ribeira Sacra polo seu compromiso e implicación coas políticas que promoven un aproveitamento turístico e económico sostible dos recursos naturais existentes na zona. Neste sentido, lembrou que 16 dos 20 concellos da comarca xa están adheridos ao Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía, o maior movemento internacional para afrontar en clave local o cambio climático.

A reciclaxe, un hábito cada vez máis estendido

Pola súa parte, Bruno de Llano subliñou que o compromiso da sociedade galega coa recuperación de envases domésticos se reforza ano tras ano, converténdose no hábito ambiental máis estendido entre os fogares da Comunidade. Neste sentido, engadiu que o ano pasado se firmaron 186 acordos con distintos concellos para concienciar e acercar a reciclaxe á cidadanía, co obxectivo de facer de Galicia unha sociedade 100% recicladora.

Cómpre lembrar que en 2020, no conxunto da Comunidade, se recuperaron e enviaron a instalacións de reciclaxe homologadas un total de 71.130 toneladas de residuos domésticos procedentes dos contedores amarelo e azul, unha cifra que confirma o incremento constante das taxas de reciclaxe en Galicia durante os últimos cinco anos.

Imaxes relacionadas