A Xunta executa as obras de rehabilitación e posta en valor da Ponte Nafonso na estrada autonómica AC-196, entre os municipios de Noia e de Outes

A actuación integral de mellora da seguridade viaria e de conservación desta ponte, catalogada como ben patrimonial, suporá un investimento de máis de 700.000 euros

O desenvolvemento dos traballos implica afeccións ao tráfico e tentarase reducir ao máximo o prazo de execución, inicialmente estimado en seis meses

A intervención inclúe actuacións para a iluminación monumental da infraestrutura

Os traballos enmárcanse no programa de inspección e control das pontes e obras de paso que desenvolve a Xunta para reforzar a seguridade e alongar a súa vida útil

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar as obras de rehabilitación e posta en valor da ponte Nafonso, na estrada AC-196, entre os municipios de Noia e de Outes, que suporá un investimento autonómico de máis de 700.000 euros.

Os traballos iniciados nesta semana na ponte Nafonso, un ben catalogado patrimonialmente, consisten na substitución do pavimento e da varanda existente, que se atopa deteriorada.

Ademais, levarase a cabo a limpeza dos paramentos exteriores coa fin de mellorar o seu aspecto estético, eliminando os elementos danados da fachada da fábrica de pedra para mantela en bo estado de conservación.

A intervención tamén prevé dúas actuacións concretas para iluminar a calzada e para a iluminación monumental da propia ponte, o que permitirá a súa posta en valor e unha notable mellora na seguridade viaria para vehículos e peóns. Ademais colocaranse paneis informativos e carteis de localización.

A execución destas obras non son compatibles co tráfico na ponte, dado que esta é moi estreita. Por iso están colocados os correspondentes carteis informativos de aviso, dous na AC-550 e na estrada provincial DP-5602. Desde xeito, para minimizar no posible a afección no tráfico o departamento de Infraestruturas da Xunta tentará acurtar na medida do posible o prazo contractual das obras, que é de 6 meses.

Control das pontes e obras de paso

Esta intervención enmárcase no programa pioneiro de control das pontes e obras de paso que está a desenvolver a Xunta, para preservar a seguridade e alongar a vida útil destas infraestruturas, con actuacións de conservación preventiva.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando no mantemento das estradas autonómicas co obxectivo de reforzar a seguridade viaria.