A Xunta selecciona un proxecto de I+D desenvolvido pola Fundación Profesor Novoa Santos co obxectivo de levalo ao mercado

O proxecto seleccionado a través do programa Ignicia baséase no desenvolvemento dun fármaco contra a degradación de proteínas no tratamento de metástase de carcinoma

A partir de setembro, esta iniciativa terá dous meses para perfilar o seu plan de comercialización

O Goberno galego, en colaboración coa Fundación Barrié, busca facilitar a validación da tecnoloxía e a elaboración de plans de negocio

A Coruña, 20 de agosto de 2021

A nova edición do programa Ignicia, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), acaba de seleccionar unha proposta de I+D deseñada pola Fundación Profesor Novoa Santos da Coruña. A iniciativa Ignicia, pioneira en España e levada a cabo en colaboración coa Fundación Barrié, ten como obxectivo principal apoiar o desenvolvemento de aplicacións comerciais das investigacións xeradas nos centros de coñecemento galegos.

En concreto, trátase do proxecto Canther: desenvolvemento dun fármaco dirixido contra a degradación de proteínas para o tratamento de metástase de carcinoma, cuxa promotora principal é Angélica Figueroa Conde-Valvís, do Grupo Plasticidade Epitelial & Metástases. A súa meta é establecer unha spin-off para desenvolver ata a proba de concepto clínica un inhibidor de molécula pequena da E3-ubiquitina-ligasa Hakai, destinada a terapias antimetastáticas de colon. Entidade:

A partir de setembro, esta iniciativa terá dous meses para perfilar o seu plan de comercialización, para o que contará co asesoramento especializado do equipo do programa Ignicia. Posteriormente, o grupo de investigación recibirá unha achega económica para financiar os custos que supón trasladar dito plan ao mercado.

Tal e como sinalou a directora de Gain, Patricia Argerey, o obxectivo principal de Ignicia é “promover a transferencia dos resultados da investigación que se xera nos centros de coñecemento galegos e levar eses resultados ao mercado para facer rendible a investigación en Galicia”, facilitando así a validación da tecnoloxía e a elaboración de plans de negocio.


En total, foron sete os proxectos seleccionados nesta terceira edición do programa, á que se presentaron 28 iniciativas. O orzamento solicitado no seu conxunto ascende a 2,8 millóns de euros, o que implica un investimento medio de arredor de 400.000 euros. Así mesmo, contarán coa participación de máis de 30 investigadores.

Este instrumento de apoio económico permítelle compartir á Xunta de Galicia os riscos e beneficios de cada proposta, garantindo que as iniciativas exitosas xeren retornos para seguir investindo na transferencia de coñecemento dos organismos galegos en próximas convocatorias.

Trampolín de innovación

Nas dúas edicións anteriores, a convocatoria do Ignicia posibilitou, a través de 7M€, o desenvolvemento de 16 proxectos que involucran a máis de 120 persoas traballadoras. Así mesmo, desde a súa posta en marcha en 2016, xa están constituídas 8 spin-offs que dan emprego a máis de 50 persoas, e completouse a transferencia dunha licenza á industria. En total, 9 proxectos xa están finalizados e xerando retornos para a Administración autonómica.

Con respecto aos proxectos premiados nas edicións pasadas impulsados desde A Coruña, cabe destacar a Artificial Intelligence Indestia, unha spin-off da Universidade da Coruña que comercializa un software baseado en técnicas de intelixencia artificial para determinar as mellores imaxes dun conxunto desde unha perspectiva da calidade, o valor estético ou o impacto comercial.