A Xunta defende a importancia de preservar e dar a coñecer a historia da industria galega vencellada coa salga da sardiña

O Grove (Pontevedra), 19 de agosto de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe a unha demostración do proceso de salgadura realizada no Almacén de Lanuxe -unha fábrica de salga de 1803 do concello do Grove que foi restaurada- co obxectivo de dar a coñecer a veciños e visitantes como era no século XIX o proceso de salgadura para conservar a sardiña. Esta acción, promovida pola Asociación de Amigos das Salgadeiras de Moureiras coa colaboración do Círculo Cultural de Sanxenxo, contribúe a preservar a cultura mariñeira de Galicia e a dar a coñecer o legado das catro fábricas de salga que funcionaron en punta Moreiras arredor de 1800. Faino mediante a recreación do método de conservación da sardiña en salmoira polo sistema catalán, o precursor da actual actividade conserveira.

O proceso de demostración da salgadura comezou xa o pasado 5 de agosto coa introdución da sardiña en salmoira -o procedemento coñecido como facer a chanca- e continuou hoxe coa denominada carga do morto, a retirada do peixe para lavalo e colocalo nos tabais onde é prensado para pasar unha noite antes de poder ser consumido. Esta é unha mostra máis da historia dos mariñeiros galegos e da industria asociada á pesca e un importante reclamo turístico e cultural para veciños e visitantes. Trátase de expresións da cultura mariñeira de Galicia que a Xunta aspira a protexer mediante a elaboración do Plan da Cultura Marítima-Horizonte 2030 ao abeiro dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería do Mar, a Universidade da Coruña e a súa fundación.

Imaxes relacionadas