O conselleiro do Medio Rural visitou hoxe estas instalacións, que constitúen unha referencia fundamental para a protección do Parque Natural

A Xunta mellorará e ampliará a base aérea antiincendios de Muíños para reforzar a defensa do Xurés

José González enmarcou esta iniciativa nas melloras constantes que se fan, por parte da Xunta, nas infraestruturas de loita contra o lume e en particular no sur da provincia ourensá

Nesta liña, o conselleiro mencionou o impulso á primeira base transfronteiriza de medios aéreos contra incendios, a nave que albergará a nova sede do distrito forestal de Verín ou o futuro Centro integral para a loita contra o lume en Toén

Muíños (Ourense), 19 de agosto de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou hoxe a mellora e ampliación da base aérea antiincendios de Muíños, en Ourense. Nunha visita a estas instalacións, González destacou que esta é a base “de referencia” para a defensa do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés e que acolle actualmente un helicóptero coa súa correspondente brigada.

Cara o futuro inmediato, o conselleiro sinalou que está previsto ampliar o perímetro da base, quintuplicando a súa superficie útil, ao pasar dos 9.000 metros cadrados que abrangue hoxe en día a 45.000 m². Esta mellora suporá tamén a construción dunha nova instalación para dúas brigadas de terra que reforzarán a presencia de medios de extinción no entorno da base.

José González enmarcou esta iniciativa nas melloras constantes que se fan, por parte da Xunta, nas infraestruturas de loita contra o lume en toda Galicia e en particular no sur da provincia ourensá. Así, mencionou ademais os traballos que se están a realizar na nave que albergará a nova sede do distrito forestal de Verín-Viana, unhas instalacións que acollerán uns 95 profesionais e diferentes vehículos.

Ademais, mencionou o impulso á iniciativa Interlumes, que permitirá a posta en funcionamento, tamén en Verín, da primeira base transfronteiriza de medios aéreos contra o lume, cun investimento de máis de nove millóns de euros. Así mesmo, o conselleiro puxo en valor o futuro Centro integral para a loita contra o lume que se situará na localidade ourensá de Toén e que funcionará, dixo, “como un verdadeiro Campus Forestal cos maiores especialistas no comportamento e a análise dos incendios”.

Imaxes relacionadas