A Xunta avanza na ordenación do novo parque empresarial de Paderne de Allariz, co remate da tramitación ambiental

Acaba de emitir o informe do Plan de interese autonómico, no que indica que non é necesario sometelo a avaliación ambiental estratéxica

O Instituto Galego da Vivenda e Solo impulsa este parque, que sumará 1,2 millóns de metros cadrados para reforzar o carácter estratéxico deste foco empresarial da área funcional de Ourense

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia pon fin á tramitación ambiental do instrumento para a ordenación detallada do Parque empresarial de Paderne de Allariz, coa emisión do informe ambiental estratéxico relativo ao Proxecto de interese autonómico deste novo ámbito, recollido no Plan sectorial de ordenación das áreas empresariais de Galicia.

Así, tal e como se indica no informe emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, que segundo a anuncio publicado onte no DOG xa se pode consultar na web da Consellería, non se esperan efectos ambientais significativos, polo que non é necesario sometelo a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Non obstante, indícase que o proxecto deberá conter un estudo de paisaxe e favorecer as zonas verdes mediante a implantación de especies autóctonas.

A Consellería de Medio Ambiente, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, impulsa este parque, que virá a reforzar o carácter estratéxico deste foco empresarial da área funcional de Ourense, formado polo polígono industrial de San Cibrao das Viñas -que se verá reforzado coa futura ampliación do Centro Intermodal de Transportes e Mercancías- e o Parque Tecnolóxico de Galicia.

Tal e como se recolle na proposta, o parque de Paderne terá unha superficie de case 1,2 millóns de m2, dos cales 618.100 m2 se reservan para parcelas de uso industrial, 221.790 m2 para o sistema viario, conexións e aparcamentos, 247.860 m2 para os espazos libres e zonas verdes, e máis de 48.000 m2 para equipamentos e servizos técnicos.