A Xunta incorpora 37 novos equipos radiocirúrxicos á sanidade pública galega

O xerente do Sergas supervisou hoxe no Hospital Universitario Lucus Augusti a instalación dun equipo radiocirúrxico vascular, destacando tamén que os hospitais comarcais de Monforte e A Mariña recibirán novos equipos

Os Orzamentos da Xunta para o 2021 contemplaron partidas por un valor de 60 millóns para desenvolver un Plan de renovación e modernización do equipamento sanitario, mediante o que se adquiriron tamén 7 robots cirúrxicos e se licitou a adquisición de 48 novos ecógrafos

Lugo, 19 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia vén de recibir os 37 equipos radiocirúrxicos que adquiriu trala licitación por un importe de 4,3 millóns de euros que autorizou o Consello da Xunta o pasado 4 de marzo, e que se resolveu, coa formalización dos respectivos contratos, o pasado mes de xuño. Así, o xerente do Sergas, José Flores Arias, visitou o Hospital Universitario Lucus Augusti xunto co xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, con motivo da instalación dun destes equipos.

Este novo equipamento achega á sanidade pública galega ferramentas punteiras de diagnóstico e tratamentos coas doses máis baixas posibles, o que supón unha mellora dos procedementos cirúrxicos e unha maior seguridade para os pacientes.

Nomeadamente, o equipo instalado no HULA é un dos tres radiocirúrxicos vasculares adquiridos pola Xunta de Galicia neste lote. Cun custo superior aos 200.000 euros por unidade, estes equipos están destinados en exclusiva aos quirófanos de cirurxía vascular, permitindo a realización de técnicas complexas de cirurxía vascular como a reparación endovascular de vasos arteriais periféricos en membros inferiores, sistema carotídeo e enfermidade dexenerativa da aorta torácica e abdominal, tanto oclusiva como aneurismática. Ademais do equipamento do HULA, os outros dous radiocirúrxicos vasculares instalaranse no Hospital Universitario de Ourense e no Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Os restantes 34 equipos radiocirúrxicos teñen un custo de máis de 90.000 euros por unidade, e permitirán renovar os equipamentos existentes nos bloques cirúrxicos para o seguimento e control en intervencións de cirurxía xeral, ortopedia, traumatoloxía, uroloxía, etc. Os aparellos adquiridos dispoñen de tecnoloxía que mellora a calidade da imaxe, e a capacidade de integración de imaxe e das doses impartidas.

Os novos equipos repártense entre as sete áreas sanitarias galegas. Así, na área lucense, destinaranse catro ao HULA, dous ao Hospital da Mariña e un ao Hospital de Monforte.
O equipamento deste expediente de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

60 millóns para equipamento sanitario

A Xunta de Galicia continúa a desenvolver, coa adquisición destes equipamentos, o Plan de renovación e modernización do equipamento sanitario previsto para o 2021, co que acometer as renovacións integrais dos bloques cirúrxicos e dos equipamentos de alta tecnoloxía para diagnóstico. Para este plan, os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia destinan, no presente ano, unha partida de 60 millóns de euros.

Froito deste plan xa se acometeron no presente ano outras dúas licitacións: a adquisición de sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci por 20,5 millóns de euros, e a licitación a pasada semana da subministración de 48 ecógrafos con destino aos Servizos de Radiodiagnóstico de diversos centros sanitarios do Sergas por un importe total de 5,6 millóns de euros.

Imaxes relacionadas