Esta actuación forma parte do acondicionamento de tres vías autonómicas en Lugo que inclúe tamén a LU-546 e a LU-741 cun orzamento global de 1,7 millóns de euros

A execución das obras de reforzo do firme na estrada autonómica LU-636 obrigan ao corte do tráfico hoxe e mañá, ao seu paso por Becerreá

Esta actuación de mellora da seguridade viaria céntranse no tramo da vía comprendido entre os puntos quilométricos 27+490 e 31+140

Os traballos fan necesario o corte da circulación, polo que para evitar o impacto no tráfico nas fins de semana as tarefas retomaranse o luns día 23 ata o venres 27 ás 15.00 h

As obras proseguirán o luns día 30, prevéndose o seu remate o día 31 ás 20.00 horas

A intervención enmárcase nas tarefas de rehabilitación do firme ao longo de nove quilómetros da estrada LU-636, entre o punto quilométrico 22 e ata o 31+140, situado á entrada do núcleo da localidade becerrense

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2021

A execución das obras de reforzo de firme na estrada autonómica LU-636 obrigan a realizar o corte do tráfico durante a xornada de hoxe e ata as 15:00 horas de mañá, ao seu paso polo municipio de Becerreá.

Estes traballos de mellora da seguridade viaria na LU-636 céntranse no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 27+490 e 31+140 e estenderanse ata o vindeiro 31 de agosto.

Durante a execución das obras é necesario o corte total da circulación polo que, para evitar o impacto dos traballos no tráfico nas fins de semana, as tarefas de rehabilitación do firme retomaranse o luns 23 agosto ás 8:00 horas e continuarán ata o venres 27 ás 15.00 horas. Pasada a fin de semana, as obras proseguirán o luns 30, prevéndose o seu remate o martes día 31 ás 20.00 horas.

A actuación forma parte das obras de acondicionamento do firme ao longo de nove quilómetros desta vía autonómica, entre o punto quilométrico 22 e ata o 31+140, situado á entrada do núcleo deste municipio lucense,

Estas tarefas na LU-636 inclúe a reparación das partes deterioradas e a reposición do firme en toda a calzada con tratamento asfáltico e rego de selado. Nos últimos 4 quilómetros, ata acceder á localidade becerrense, aplícase mestura bituminosa en quente en todo o ancho do carril.

Así mesmo, nos treitos en curva instalaranse barreiras e cunetas de seguridade polas marxes interiores. Posteriormente, renovarase a sinalización horizontal en todas as zonas de actuación.

Actuacións na LU-546 e na LU-741

Esta intervención integral da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade forma parte das obras de rehabilitación do firme de tres vías autonómicas en Lugo que inclúe a LU-546 e a LU-741, cun orzamento global de 1,7 millóns de euros,

No caso das obras na estrada LU-546, realizarase un reforzo do firme superficial naquelas zonas máis deterioradas, mediante o fresado e reposición do firme; ao igual que nos primeiros 550 metros da estrada LU-741, onde tamén se levará a cabo este fresado e reposición do firme en zonas localizadas.

Na travesía de Sarria, tamén na LU-546, procederase ao estendido dunha nova capa de rodadura, de xeito que se melloren as características superficiais, previo fresado da existente.

Finalmente, na estrada LU-741, realizarase o reforzo de firme desde o punto quilométrico 0+550, naqueles treitos onde sexa preciso.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos usuarios.