A Xunta inicia mañá traballos de conservación na glorieta elevada de Sabón, no concello de Arteixo

A actuación, que se prevé terá unha duración de dúas semanas, céntrase no pintado das partes metálicas da glorieta, o que obrigará a cortes na circulación do tráfico

As obras no anel inferior executaranse en horario diúrno, entre as 8:30 h e as 21:30 h, manténdose durante a xornada a circulación en certos carrís e sen afectar á circulación polo anel superior

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciará maña, xoves 19 traballos de conservación na glorieta elevada de Sabón, no concello de Arteixo.
A actuación, que inicialmente terá unha duración de dúas semanas, céntrase no pintado das partes metálicas da citada glorieta, o que obrigará a cortes na circulación do tráfico.
Para evitar no posible o impacto dos traballos na circulación, as obras nos dous aneis da glorieta realizaranse en distintos tramos horarios. As obras estarán debidamente sinalizadas.
Na rotonda inferior, as obras executaranse no horario que vai dende as 8:30 horas ás 21:30 horas, manténdose durante a xornada a circulación en certos carrís. A circulación manterase pola anel superior, que non estará afectada polos traballos.
As tarefas continuarán na rotonda superior, xa en horario nocturno, entre as 21:30 horas e ata as 6:30 horas. Neste horario quedará cortado o tráfico.
A Xunta segue a traballar na mellora e conservación das infraestruturas da área da Coruña, ao tempo que segue avanzando na execución das obras da ampliación da capacidade e humanización da avenida da Deputación no polígono de Sabón. Esta actuación, que desdobra os carrís para gañar fluidez no tráfico, conta cun investimento autonómico de máis de 6,3 M€ e prevese o seu remate para o próximo verán.