O director xeral de Defensa do Monte e o xerente da Axega recibiron esta tarde ao dispositivo galego desprazado ao incendio que se orixinou o pasado sábado

A Xunta enxalza o labor do operativo antiincendios enviado desde Galicia para contribuír á extinción do lume que afecta distintas localidades de Ávila

En concreto, desprazáronse na medianoite do domingo catro brigadas, dous axentes, un técnico e dúas motobombas do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPIF), ademais dun camión cisterna da Axencia Galega de Emerxencias

Ao longo de dúas xornadas, o operativo galego actuou en distintos puntos quentes do lume, chegando a atallar un dos focos tras ser alertado por veciños da zona

No caso da cisterna da Axega, subministrou preto de 90.000 litros de auga tanto ás motobombas do SPIF como a dispositivos de intervención doutras comunidades que tamén acudiron a extinguir o lume

Así, Manuel Rodríguez quixo poñer en valor o traballo conxunto realizado con efectivos doutras autonomías, sinalando que o Goberno galego non dubidará en volver colaborar cando sexa necesario

Baralla (Lugo), 18 de agosto de 2021

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, acompañado polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, enxalzou esta tarde o labor do operativo antiincendios enviado pola Xunta para contribuír á extinción do lume que afecta distintas localidades de Ávila. Así o dixo na recepción deste dispositivo que ao longo de dúas xornadas actuou en distintos puntos quentes do incendio, chegando a atallar un dos focos tras ser alertado por veciños da zona.
En concreto, a Consellería do Medio Rural desprazou a territorio abulense -na medianoite do domingo- catro brigadas, dous axentes, un técnico e dúas motobombas pertencentes ao Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPIF) de Galicia. Pola súa parte, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), dependente da Vicepresidencia primeira, aportou un camión cisterna que se encargou de abastecer de auga as motobombas.
Así, durante dous días de traballo, o operativo galego foi mobilizado para intentar controlar o lume concretamente nas localidades de Navalmoral e Navalacruz, sendo este último o punto onde se orixinara o lume o pasado sábado. No marco desta intervención, a cisterna da Axega subministrou 86.800 litros de auga ás motobombas do SPIF, pero tamén a dispositivos de intervención doutras comunidades que tamén acudiron a extinguir o lume.
Deste xeito, o director xeral de Defensa do Monte quixo poñer en valor o traballo conxunto realizado con efectivos antiincendios desprazados dende outras autonomías, sinalando que a Xunta non dubidará en volver colaborar cando sexa necesario. Nesa liña, Manuel Rodríguez quixo agradecer ademais as mostras de afecto recibidas tanto por parte das autoridades abulenses como de diversos colectivos e veciños da zona.

Imaxes relacionadas