A Xunta mellora a imaxe dunha vintena de puntos céntricos, turísticos e patrimoniais de Moraña coa instalación de cubrecontedores

O delegado territorial, Luis López, acompañado polo alcalde, José Cela, supervisa esta actuación de embelecemento, cofinanciada por Turismo de Galicia con preto de 65.000€ nas duas últimas convocatorias

“Moraña ten numerosos espazos de gran valor e facíase preciso reforzar a súa riqueza coa ocultación dos contedores, para o cal recurriuse a infraestruturas de madeira que encaixan con cada contorna”, explicou o representante autonómico

Moraña, 18 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia vén de impulsar a mellora da imaxe e o embelecemento dunha vintena de espazos céntricos, turísticos e de gran valor patrimonial do Concello de Moraña coa instalación de cubrecontedores de madeira tratada que foron cofinanciados pola Axencia Turismo de Galicia con achegas de preto de 65.000 euros nas duas últimas convocatorias.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde Moraña, José Cela, supervisaron esta mañá esta actuación de embelecemento, que supuxo un investimento global de 100.000 euros e ao abeiro do cal tamén se instalaron 34 sinais informativas en espazos de interese como carballeiras, igrexas, capelas ou enclaves naturais.

“Moraña ten numerosos espazos de gran valor nos eidos relixioso, arquitectónico, cultural, patrimonial, natural e turístico e facíase preciso reforzar a súa riqueza e mellorar a visualización por parte de veciños e visitantes, para o cal o Concello optou por unha gran solución técnica ao recurrir a infraestruturas de madeira que encaixan perfectamente con cada contorna”, explicou o representante autonómico, que engadíu que a iniciativa “contou cunha importante achega da Xunta tanto polo plantexamento do proxecto, que responde á perfección á liña de mellora turística que pretendemos implantar en toda Galicia, como polo noso compromiso coas necesidades, os investimentos e o progreso de Moraña”.

No marco desta dobre actuación, o Concello de Moraña recibiu 34.000 euros na convocatoria do ano 2019, que incluíu ademais de once cubrecontedores a colocación de 34 sinais informativas, e outros 30.000 euros na orde de axudas máis recente, coa que se instalaron oito illas de madeira para ocultar outros tantos puntos de depósito de residuos.

Deste xeito, mellorouse a imaxe de espazos emblemáticos ou de gran valor turístico tanto no casco urbano como nas zonas rurais e, entre os mesmos, figuran as carballeiras de Santa Lucía e Santa Xusta, a Casa da Cultura, a escola infantil autonómica, as capelas de Santa Margarida ou dos Milagres de Amil e igrexas como Lamas, Cosoirado, Rebón ou Gargantáns, entre outros.

Imaxes relacionadas