A Xunta impulsa un curso en Ribadumia sobre a comercialización de produtos de viticultura ecolóxica

A acción formativa ten previsto desenvolverse os vindeiros días 26 e 27 de agosto na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia, dependente da Evega, en horario de mañá e tarde

O curso, que conta cunhas 13 horas de duración, abordará distintos temas como a situación do mercado dos produtos de viticultura, o novo regulamento de produción ecolóxica ou a comunicación ambiental de produtos ecolóxicos

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto organizar un curso sobre comercialización de produtos de viticultura ecolóxica. A acción formativa desenvolveríase os vindeiros días 26 e 27 de agosto na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia, localizada na parroquia de Leiro (Ribadumia, Pontevedra) en horario de mañá e tarde.

O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Ao longo das 13 horas de duración desta acción formativa, o curso abordará distintos temas como a situación do mercado dos produtos de viticultura, o novo regulamento de produción ecolóxica ou a comunicación ambiental de produtos ecolóxicos. Ademais, contará cunha parte práctica na que se visitará unha das bodegas da zona.

Con esta programación, o obxectivo principal do curso é axudar a comprender aos viticultores as posibilidades de comercialización dos seus produtos a través de novas canles e posibilidades de introdución no mercado, así como as novas tendencias e demandas do mercado neste eido.

Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico ramon.jesus.lamelo.otero@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 981 540 282 para máis información.

A Xunta aposta pola continua profesionalización do sector mediante cursos coma este, que se enmarcan no plan de formación continua 2021. Así, preténdese mellorar a produtividade, ao mesmo tempo que se potencia a remuda xeracional co fin de consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.

Cabe engadir que os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.