A Xunta somete a información pública a mellora da seguridade viaria na PO-551, na contorna do núcleo da Portela en Bueu, que suporá un investimento de 530.000 €

A actuación, tamén necesaria para o desenvolvemento urbanístico do polígono da Portela, ten como obxectivo a reordenación da intersección situada no punto quilométrico 14+400 da vía autonómica, na que conflúen a EP-1301 e o viario de acceso ao núcleo de poboación

Proponse a construción dunha nova glorieta de 40 metros de diámetro, con 2 carrís de circulación e beiravías exterior e interior, que substituirá a intersección actual reconfigurando os xiros e accesos da circulación

O trazado coordinouse coa modificación puntual para dotar de solo industrial A Portela e coa obra en execución da senda entre Trasouto e o Alto da Portela, que conta cun investimento autonómico de 643.000 euros

O prazo de presentación de alegación estenderase durante 30 días hábiles a contar dende mañá

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública a mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-551, na contorna do núcleo da Portela, no concello de Bueu.

A actuación proxectada no punto quilométrico 14+400 da estrada Marín-Rande, que comunica as localidades de Bueu e Cangas, suporá un investimento da Xunta de preto de 530.000 euros, e tamén é necesaria para o desenvolvemento urbanístico do polígono industrial da Portela.

O DOG, simultaneamente ao trámite de información pública, recolle a efectos expropiatorios a relación de predios necesarios para a reordenación da intersección da PO-551, na que conflúen con escasos 45 metros de diferenza a estrada EP-1301 A Portela–Beluso e un pequeno viario de acceso ao núcleo da Portela. Desde a PO-551 están permitidos os xiros cara á vía provincial EP 1301, tanto no sentido Cangas como no sentido Bueu.

O período de presentación de alegacións estenderase durante un período de trinta días hábiles, contados a partir de mañá. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://bit.ly/3iXphKW

O proxecto ten por obxecto a reordenación da citada intersección mediante a execución dunha nova glorieta de 40 metros de diámetro e anel central de 20 metros, que solucionará a intersección entre as tres vías de circulación reconfigurando os xiros e accesos. A glorieta proxectada disporá de 2 carrís de circulación de 4 metros de ancho e beiravías exterior e interior de 1 metro.

A actuación requirirá ademais a modificación do trazado da EP1301 e o vial de acceso ao núcleo da Portela no tramo inmediato á unión coa glorieta. Na estrada PO-551 manterase o trazado, ampliándose a calzada nos 60 metros anteriores e posteriores á glorieta para poder dispoñer de dous carrís de entrada á mesma.

O proxecto do departamento que dirixe Ethel Vázquez ten en conta a complexidade do xiro á dereita desde a PO-551 sentido Bueu–Cangas cara á EP-1301, para o que deseñou unha vía de acceso directo aproveitando o ancho da calzada existente na intersección.

O trazado do proxecto coordinouse coa modificación puntual do S.A.U.I -1 -polígono industrial A Portela-, xa que os terreos ocupados pola glorieta situados na marxe sur están dentro desta área. Tamén coordinouse coa obra, xa en execución, da senda na PO-551, entre Trasouto e o Alto da Portela, que conta cun investimento autonómico de 643.000 euros.