O director xeral de inclusión Social, Arturo Parrado, visitou esta mañá o comedor social desta entidade

A Xunta de Galicia destina 220.000 euros a mellorar o funcionamento da Cociña Económica de Ferrol e realizar obras de acondicionamento

As actuacións postas en marcha na infraestrutura céntranse na cuberta e na pavimentación do chan e permitirán unha maior ventilación

Ferrol, 18 de agosto 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou hoxe nunha visita á Cociña Económica de Ferrol o apoio da Xunta a esta entidade, á que destinou 220.000 euros para mellorar o seu funcionamento así como para poñer en marcha obras de acondicionamento que permitirán, entre outros aspectos, contar cunha maior ventilación.

Arturo Parrado puxo en valor o importante papel que está a realizar esta entidade, que de igual xeito que outras cociñas económicas da comunidade, prestan unha axuda esencial para as persoas que peor o están a pasar.

Así mesmo, o director xeral de inclusión social subliñou o compromiso do Goberno galego coa Cociña Económica de Ferrol. Froito deste apoio, a Xunta de Galicia, na última convocatoria de entidades 2020-2022, achegou 220.000 euros para garantir o funcionamento do comedor social e financiar melloras na cuberta e no chan das dependencias da entidade.

Nesta visita, Arturo Parrado, acompañado do presidente da cociña económica, Antonio Tostado Naveiras, puido percorrer as instalacións para comprobar as novidade e o resultado das reformas do comedor social.

Imaxes relacionadas