O pavillón do Rosal estrea o seu novo pavimento tras as obras de 50.000 euros sufragadas no 80% pola Xunta

Lete Lasa destacou a importancia desta actuación para que o balonmán, así coma outros deportes, siga sendo un referente no concello e que o Novás poida desputar os seus partidos nas mellores condicións

O Rosal (Pontevedra), 17 de agosto de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola alcaldesa, Ánxela Fernández, supervisou na mañá de hoxe as obras levadas a cabo no pavillón municipal do Rosal, que contaron cun orzamento de preto de 50.000 euros (48.399,94 euros). Pola súa banda, a Xunta de Galicia achegou o 80% do importe total da actuación (38.719,94 euros), mentres que o concello investiu o 20% restante (9.680 euros).

As obras realizadas no pavillón supuxeron a actuación no seu pavimento para a mellora da práctica deportiva dentro da que destaca o Acanor Novás Valinox, que a tempada que vén de concluir xogou no grupo de ascenso á Liga Asobal. Lete Lasa destacou a importancia desta actuación para que o balonmán, así coma outros deportes, siga a ser un referente no concello e que o Novás poida desputar os seus partidos nas mellores condicións. Do mesmo xeito, apuntou o efecto positivo sobre a poboación para que moitos nenos e nenas se animen a practicar balonmán ou calquera outro deportes nas renovadas instalacións.

A Secretaría Xeral para o Deporte afianza tamén o seu compromiso coas infraestruturas deportivas. Dos 32.474.216 euros cos que conta en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas