A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, visitou hoxe Vila de Cruces, un dos municipios beneficiarios

A Xunta axudará a 16 concellos pontevedreses con case 100.000 euros para redactar os seus plans de acción fronte ao cambio climático

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda atendeu o 100% das solicitudes que se presentaron á convocatoria deste ano, de xeito que case 250 concellos galegos teñen ou están a traballar nesta ferramenta de carácter técnico

Os Paces inclúen un inventario de emisións de gases de efecto invernadoiro e unha análise dos riscos e da vulnerabilidade de cada territorio ante o quecemento global

Vila de Cruces (Pontevedra), 17 de agosto de 2021

Un total de 16 concellos pontevedreses recibirán preto de 100.000 euros en axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para poder redactar os seus propios Plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (Paces), unha ferramenta de carácter técnico que ten como obxectivo avanzar na loita contra o cambio climático e o quecemento global en clave local.

Así o subliñou a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, que visitou esta mañá o concello de Vila de Cruces acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e do alcalde, Luis Taboada, para dar a coñecer o resultado na provincia da última convocatoria desta liña de subvencións.

Precisamente, Vila de Cruces é un dos municipios que resultaron beneficiarios este ano, de xeito que poderá contar cunha achega autonómica de 6.000 euros para traballar no seu Paces. O resto de subvencións concedidas en Pontevedra serán para Gondomar, Moaña, Meis, Dozón, Forcarei, Catoira, Fornelos de Montes, Vilanova de Arousa, A Cañiza, Nigrán, A Lama, Barro, Cerdedo-Cotobade, Vilagarcía de Arousa e O Porriño.

Este é o segundo ano que a Xunta lanza unha orde de axudas dirixida especificamente ás entidades locais adscritas ao Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía co fin de axudalas na redacción dos seus respectivos Paces.

En total concedéronse 70 subvencións a outros tantos concellos por un importe de 337.000 euros, atendéndose así o 100% das solicitudes recibidas. Estes municipios súmanse aos 176 que están a traballar actualmente na elaboración do seu propio plan de xeito que, a día de hoxe, pode dicirse que preto de 250 entidades locais galegas xa están comprometidas de forma activa na loita contra o cambio climático.

Un Paces consiste basicamente na elaboración dun inventario de referencia de emisións de gases de efecto invernadoiro e na avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. Grazas a estas axudas da Xunta, os municipios poden afrontar o custo dos traballos de asistencia técnica necesarios para a súa elaboración.

Neste sentido, Sagrario Pérez felicitou a todos os concellos que xa asumiron o compromiso de dotarse deste documento técnico, un paso co que, dixo, integran a loita fronte ao cambio climático como unha das variables presentes na definición das súas políticas municipais, tanto á para reducir as emisións e mellorar a súa eficiencia enerxética, como para adaptarse ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o planeta.

A Xunta, oficina en Galicia

O Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía púxose en marcha no ano 2008 e na actualidade está considerado o maior movemento de carácter internacional para buscar sinerxías fronte ao cambio climático entre as distintas administracións, cunha mención especial ao labor dos concellos pola súa relación directa cos cidadáns.

No caso de Galicia, a Xunta asumiu en 2017 o papel de coordinadora do movemento na Comunidade desde a convicción de que os retos globais do cambio climático deben afrontarse tamén desde as vilas e as cidades de xeito unido e partindo da premisa “pensa global, actúa local”.

Na actualidade xa son 271 os concellos adheridos ao Pacto, o que representa a unha poboación de preto de 2,2 millóns de galegos, cifras que tanto a directora xeral como o delegado coincidiron en interpretar como unha mostra da boa acollida que está a ter este movemento en Galicia, sobre todo desde a creación da Oficina técnica de coordinación e asesoramento aos municipios no ano 2018.

En todo caso, lembrou que aínda queda marxe de mellora e convidou a sumarse a este reto aos 42 concellos que faltan, “para defender entre todos o papel de Galicia como parte da solución ao cambio climático”.

Imaxes relacionadas