A Xunta somete a información pública o proxecto de construción dunha glorieta e do acondicionamento da travesía da estrada autonómica AC-550, en Noia

A actuación suporá un investimento de máis de 1,15 M€, e o obxectivo da Xunta é levar a cabo este ano as expropiación dos terreos necesarios para licitar as obras no 2022

O prazo para presentar alegacións estenderase dende mañá ata o 28 de setembro

Executarase unha nova glorieta na intersección existente no punto quilométrico 71+120 da vía autonómica, no cruce coa estrada provincial DP-5704 ao porto da Barquiña, para acadar unha calzada anular cun radio exterior de 13 metros

Renovaranse as beirarrúas dende a nova glorieta da AC-550 ata a alameda de Noia, reorganizando a vía cunha calzada formada por un carril por sentido, cun aparcamento de 2 metros ben dimensionado na marxe dereita, beiravía e beirarrúa de ancho variable

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción dunha glorieta e do acondicionamento da travesía da estrada AC-550, no concello de Noia.
O DOG, simultaneamente ao trámite de información pública, recolle a efectos expropiatorios a relación de predios necesarios para executar esta actuación, que suporán un investimento de máis de 1,15 M€. O obxectivo do departamento de Infraestruturas da Xunta é levar a cabo este ano as expropiación dos terreos necesarios para poder licitar as obras no 2022.
O período de presentación de alegacións estenderase dende mañá ata o vindeiro día 28 de setembro. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://bit.ly/3sm5JTu
A intervención proxectada inclúe dúas actuacións que redundarán na mellora da seguridade viaria nesta contorna.
Dunha banda, executarase unha nova glorieta na intersección existente no punto quilométrico 71+120 na AC-550 -cruce coa estrada provincial DP-5704 ao porto da Barquiña-. O trazado da glorieta foi definido tendo en conta o espazo dispoñible, resultando unha calzada anular cun radio exterior de 13 metros
Doutra banda, renovaranse as beirarrúas dende a nova glorieta ata a alameda de Noia, entre os puntos quilométricos 71+100 e 72+400 da AC-550. Isto implicará unha reorganización da sección transversal da estrada autonómica, na que a día de hoxe hai aparcamento insuficiente en ambas marxes, o que provoca que os vehículos se suban á beirarrúa e a deterioren.
A este respecto, coa reorganización proxectada da sección da vía estreitaranse carrís, ampliaranse beirarrúas e deixarase un aparcamento ben dimensionado nunha das marxes da estrada. En concreto, a sección tipo resultante consta dunha calzada, formada por dous carrís -un por sentido- de 3 metros, aparcamento de 2 metros na marxe dereita, beiravía e beirarrúa de ancho variable.