O 061 de Galicia asistiu a 88 persoas por 61 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 13 de agosto ata as 23,59 horas do domingo, 15 de agosto, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 69 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 16 de agosto de 2021

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 88 persoas debido a 61 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 13 de agosto, ata as 23,59 horas do domingo, 15 de agosto. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 29 sinistros.
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 69 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 61 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 88 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 58% e do 42% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 29% dos atendidos tiña entre 39 e 49 anos.
Por provincias, Pontevedra foi a que máis sinistros rexistrou con 25 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

 

Provincia
Accidentes

A Coruña

23
Lugo
5
Ourense
8
Pontevedra
25
Galicia
61
 
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 77. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en nove accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 61 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en sete accidentes.
En 70 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 17 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.