A Xunta adxudica a redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria na intersección da estrada autonómica PO-255 no concello de Covelo

O contrato foi adxudicado por preto de 18.000 euros e conta cun prazo de 5 meses para redactar o proxecto

O obxectivo é reformar o cruce do punto quilométrico 31+540 da PO-255 coa vía provincial EP-5104, executando unha glorieta para mellorar a visibilidade

A Xunta continúa traballando na conservación e mantemento da rede viaria autonómica coa fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2021

A Xunta adxudicou a redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria na intersección da estrada autonómica PO-255 no concello de Covelo.

O contrato, adxudicado á consultora Inrupre, S.L. por preto de 18.000 euros, ten un prazo de 5 meses para redactar o proxecto.

O obxectivo é reformar a intersección do punto quilométrico 31+540 da PO-255 coa estrada provincial EP-5104 para mellorar a visibilidade dos vehículos que circulan pola vía.

O proxecto desenvolverá as actuacións para converter este intersección en “T” nunha glorieta, de modo que todos os xiros se poidan realizar de xeito seguro.

Ademais, na actuación incluirase a rehabilitación do firme na contorna da intersección, como mínimo no treito entre os puntos quilométricos 31+100 e 31+530.

No marco dos traballos, o proxecto deberá incluír a identificación dos terreos necesarios para a tramitación do correspondente expediente expropiatorio, necesario para a execución das obras.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na conservación e mantemento da rede viaria autonómica coa fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios.