Política Social realiza 89 cursos para mellorar a integración social e laboral de persoas en risco de exclusión durante o primeiro semestre deste ano

Impartíronse un total de 2688 horas de formación en 50 concellos de Galicia e ao final das mesmas obtiveron o diploma acreditativo correspondente 757 alumnos

Santiago de Compostela 16 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia realizou un total de 89 cursos para persoas en situación ou risco de exclusión social durante o primeiro semestre deste ano. Estas accións formativas desenvolvéronse a través da rede de equipos comarcais de inclusión sociolaboral do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e estiveron financiadas nun 80% polo Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020.
Esta programación supuxo un total de 2688 horas de formación repartidas nas diferentes accións, ao final das cales obtiveron o diploma correspondente 757 persoas: 398 homes e 359 mulleres. Os cursos desenvolvéronse en 50 concellos, coa finalidade de achegalos a municipios que habitualmente teñen unha oferta formativa reducida.
O xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, salientou que, con esta proposta, “melloramos as oportunidades laborais de persoas que atravesan unha situación complicada e teñen moi difícil acceso a este tipo de formación por diferentes causas, como carecer da titulación académica necesaria, ter dificultades de desprazamento ou de dispoñibilidade horaria, ou porque a oferta formativa onde residen é limitada”.
Todos os cursos realizáronse tendo en conta o cumprimento das medidas sanitarias, de hixiene e de protección recomendadas polas autoridades sanitarias ante a situación epidemiolóxica causada pola covid-19.

Rede comarcal de apoio

A Administración autonómica, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, conta na actualidade con 18 oficinas comarcais de inclusión sociolaboral distribuídas por toda Galicia. A esta rede súmase outros dous equipos no marco do programa Nelson Mandela, que operan nos centros penitenciarios de Teixeiro e A Lama.
Estes equipos ofrecen ás persoas en situación ou risco de vulnerabilidade social un conxunto de actuacións e intervencións no ámbito da mellora das competencias persoais, sociais e laborais por medio de itinerarios personalizados e sempre desde unha visión multidisciplinar e coordinada cos servizos sociais de cada Concello.
 

Imaxes relacionadas