Máis do 95% dos concellos galegos coñecen o contido e alcance das Directrices da Paisaxe

Ao longo dos últimos meses o director do Instituto de Estudos do Territorio celebrou 26 encontros informativos para atender as dúbidas das administracións locais respecto desta ferramenta de protección da paisaxe galega

En setembro está prevista a última reunión, á que se convocarán a 11 municipios da comarca da Coruña, co fin de chegar ao 100% dos concellos
 

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2021

Un total de 302 concellos galegos xa coñecen o contido e alcance das Directrices da Paisaxe, é dicir, máis do 95% das Administracións locais participaron nun dos 26 encontros organizados polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) para trasladar a incidencia desta ferramenta de protección da paisaxe, a primeira deste tipo coa que conta a Comunidade e que entrou en vigor o pasado 20 de febreiro.

Nestes encontros púxose de manifesto que as Directrices compatibilizan a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico e tamén serviron para aclarar que non interfiren nos plans de ordenación municipal, senón que os complementan, ao tempo que actúan como unha guía de orientación sobre como actuar no territorio, poñendo o acento sobre aquelas intervencións que non proceden.

En definitiva, as Directrices da Paisaxe están pensadas como unha nova ferramenta de protección, xestión e conservación da paisaxe coa que Galicia afianza a súa actual posición á vangarda do país nesta materia.

A Xunta pon en valor este tipo de encontros porque é moi importante que se coñeza o seu alcance, por canto recollen normas e indicacións que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego.

En todo caso, nas reunións –nas que tamén participaron técnicos municipais- tamén se abordaron outras cuestións relacionadas coa paisaxe, como o contido e alcance dos estudos de paisaxe ou as limitacións sobre os peches das parcelas en solo rústico.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destaca a boa acollida, o gran interese e a aceptación que están a ter entre o municipalismo galego as novas Directrices así como outras ferramentas de protección da paisaxe, como son a Guía de cor e materiais ou a Guía de caracterización e integración paisaxística de valados.

O IET prevé celebrar en setembro o último encontro, con 11 municipios da comarca da Coruña, co fin de chegar ao 100% dos concellos galegos.