A Xunta organiza en Monforte de Lemos un curso sobre tratamentos fitosanitarios ecolóxicos con drons en oliveiras

A acción formativa ten previsto impartirse o vindeiro sábado 21 de agosto en horario de 9:00 a 15:00 horas

O obxectivo principal deste curso é a explicación das principais pragas e enfermidades nas oliveiras, así como os tratamentos máis apropiados para combater ditas enfermidades

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso sobre os tratamentos fitosanitarios ecolóxicos con drons en oliveiras. A acción formativa ten previsto impartirse no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos o vindeiro sábado 21 de agosto en horario de 9:00 a 15:00 horas.
O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
Así, o obxectivo principal deste curso é a explicación das principais pragas e enfermidades nas oliveiras, así como os tratamentos máis apropiados para combater ditas doenzas. Neste senso, farase unha comparativa do custo da aplicación de tratamentos fitosanitarios -tanto en convencional coma en ecolóxico- con atomizador e con dron, ademais de analizar as necesidades nutricionais segundo o estado fenolóxico das oliveiras. Así mesmo, os alumnos desprazaranse a unha finca para unha práctica de aplicación de fitosanitarios con drons.
Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Tamén poderán chamar ao número 982 88 91 03 para máis información. A través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, a Agacal pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrario e forestal, tanto a nivel técnico como económico, mediante a oferta de cursos coma este.
Cabe engadir que os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.