A Xunta duplica o orzamento para colaborar cos concellos galegos máis turísticos no reforzo da súa policía local durante a tempada de verán

O Goberno galego achega ata 145.000 euros aos concellos de Sanxenxo, O Grove, Baiona, A Guarda, Miño, Poio, Nigrán, Cambados, Cangas, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Tui e Vilagarcía de Arousa

Entre outros criterios, seleccionouse a aqueles concellos con maior número de prazas de aloxamento dispoñibles respecto á poboación total

O obxectivo do plan é aumentar a eficacia da policía local no período estival e redundar nunha maior vixilancia e seguridade dos veciños e turistas

O Goberno galego leva investidos case 700.000 euros desde a posta en marcha do plan en 2012

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2021

A Xunta colabora cos concellos máis turísticos de Galicia na contratación de auxiliares de policía local durante esta tempada de verán a través dunha nova convocatoria do Plan Específico de Subvencións destinada aos municipios onde o incremento da poboación é maior nestes meses para reforzar a eficacia dos seus corpos policiais.

Para isto, a Xunta achega ata un total de 145.000 euros, o dobre que en convocatorias anteriores, que axudarán de xeito substancial ás facendas locais para afrontar as garantías de seguridade necesarias polo incremento estacional da poboación.

O obxectivo deste plan é redobrar a vixilancia e a seguridade cidadá nos concellos de maior afluencia turística cunha mellor prestación deste servizo á cidadanía, contribuíndo a incrementar a eficacia dos seus corpos de policía local durante a época estival a través de axudas á contratación de persoal con carácter temporal como auxiliares de policía local. Ademais, a Xunta apoia así o labor que desempeñan os corpos de policía no contexto actual derivado da crise sanitaria causada pola covid-19 que esixe controlar o cumprimento das medidas de prevención e seguridade.

Poden subvencionarse aquelas contratacións realizadas entre o o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2021 e, como consecuencia dos criterios de selección, os concellos cos que se asinarán os convenios para a contratación de auxiliares de policía local serán Sanxenxo, O Grove, Baiona, A Guarda, Miño, Poio, Nigrán, Cambados, Cangas, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Tui e Vilagarcía de Arousa.

As axudas repartiranse tendo en conta o número de prazas hoteleiras en cada concello respecto á súa poboación total, sendo beneficiarios os concellos que experimenten na tempada de verán un incremento estacional de poboación e teñan un mínimo de 1.000 prazas.

Deste xeito, nos municipios nos que as prazas de aloxamento supoñan máis da metade sobre o total de habitantes recibirán axudas por importe de 20.000 euros, como é o caso de Sanxenxo e O Grove. Nos concellos que as prazas de aloxamento representan máis do 20% -isto é Baiona, A Guarda e Miño- a contía máxima será de 12.000 euros, mentres que nos que como Poio ou Nigrán a porcentaxe supera o 15%, a subvención será dun máximo de 10.000 euros. Pola súa banda, Cambados, Cangas, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Tui e Vilagarcía de Arousa recibirán 7.000 euros en cada caso, debido a que as prazas de aloxamento en comparación coa poboación é inferior ao 15%.

Ademais, os concellos deberán estar declarados como municipios turísticos galegos, ter un mínimo de 5.000 habitantes segundo as cifras do Instituto Galego de Estatística (IGE),contar cun corpo de policía local, e participar no proceso selectivo unitario para a cobertura de postos de auxiliares de policía local, convocado pola Orde do 29 de marzo de 2021. Alternativamente ter convocados procesos selectivos para a cobertura de postos de auxiliares de policía local, e ter remitidas as bases da dita convocatoria á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para os efectos da emisión de ditame. Tamén se inclúen os concellos adheridos ao convenio xeral de procesos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos da policía e auxiliares de policía local que contrataron persoal auxiliar de policía local neste 2021, segundo informe da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

A Xunta duplicou o orzamento deste plan respecto aos últimos anos, ao pasar dos 70.000 euros de convocatorias anteriores aos 145.000 actuais, o que permitiu incrementar tamén o número de concellos beneficiarios. Así, se nos case 10 anos nos que leva en funcionamento o plan se distribuíron axudas a Baiona, Cangas, O Grove, A Guarda, Nigrán, Poio, Ribeira Sanxenxo ou Sarria, o incremento da contía do plan para este exercicio fixo que se puideran unir tamén Cambados, Miño, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Tui ou Vilagarcía de Arousa. Desde a posta en marcha do plan en 2012, o Goberno galego leva investidos case 700.000 euros no financiamento da contratación de auxiliares de policía local durante a tempada de verán nos concellos turísticos da comunidade.

Imaxes relacionadas